Pestanas principais

Ames concorrerá aos Fondos Europeos EDIL con un Plan de Acción Integrado para crear un novo mercado municipal, unha senda ciclable do Milladoiro a Bertamiráns, implantar un sistema de transporte público e mellorar a oferta de servizos no rural

Venres, 21 de febreiro de 2025

O Goberno municipal realizou esta semana varias xuntanzas con técnicos municipais, grupos políticos e asociacións municipais, para presentarlles o Plan Conecta Ames que se vai presentar á nova convocatoria dos fondos FEDER, para plans de actuación integrados das entidades locais no marco do desenvolvemento urbano sustentable (coñecidas como EDIL). O prazo para a presentación de proxectos remata o vindeiro venres 28 de febreiro. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030. A aprobación do Plan Conecta Ames debaterase o vindeiro martes, 25 de febreiro, nun pleno extraordinario que poderá seguirse a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “o Concello de Ames traballou con previsión na elaboración da Axenda Urbana 2030 co obxectivo de dispor dun documento que marcará o Ames dos vindeiros anos. Para a elaboración deste documento abriuse un proceso participativo no que participaron diferentes sectores da comunidade veciñal e empresarial do concello. Todo este traballo permítenos agora poder presentarnos a esta nova convocatoria dos fondos FEDER”.

As axudas teñen como obxecto promover o desenvolvemento urbano sostible e integrado en cidades e áreas funcionais, mediante a implementación dun Plan de Actuación Integrado (PAI) baseado nunha Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL). A finalidade é fomentar o crecemento económico, a cohesión social e a sostibilidade medioambiental nos municipios participantes, a través de accións específicas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa plurirrexional de España 2021-2027.

O Concello de Ames opta aos fondos das cidades intermedias (20.000 a 75.000 habitantes). A axuda máxima á que se opta é de 15 millóns de euros que se distribuirán entre as anualidades de 2025-2029 para a execución dos proxectos seleccionados. A distribución do orzamento de axuda FEDER distribúese en función da demanda efectiva e as solicitudes presentadas, que cumpran cos requisitos establecidos. En principio, todos os Plans de Actuación Integrado (PAI) que alcancen o 50% da puntuación, serán financiados. O orzamento total distribuirase para cofinanciar todos os PAI aprobados.

No pleno extraordinario do vindeiro martes, 25 de febreiro, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o Plan de Actuación Integrado denominado Conecta Ames, cun orzamento de gasto de 15.000.000 euros. Outro dos puntos que se abordarán é a solicitude dunha axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) por importe de 9.000.000 euros (60%), no marco da convocatoria para a asignación de senda financeira FEDER a Plans de Actuación Integrados de entidades locais, no marco do desenvolvemento urbano sostible, FEDER 2021-2027. No caso de que Ames sexa beneficiario de dita axuda, o Concello terá que buscar o importe dos 6.000.000 euros restantes (40%), podendo ser financiamento propio, autonómico ou provincial.

A EDIL do Concello de Ames enmárcase na Axenda Urbana 2030, que é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.

Proxectos enmarcados nunha estratexia xeral
O Concello de Ames presenta un plan con catro proxectos, todos eles teñen que ser proxectos transformadores, cun enfoque de converxencia entre a área de intervención e o resto do municipio. Ademais, deben ser proxectos realistas e maduros, que sexa posible implementalos no prazo previsto ata decembro de 2029. Por último deben ser integradores, participados e divulgados. No caso do Concello de Ames todas estas premisas cúmprense ao ser proxectos xa incluídos na Axenda Urbana 2030 e que seguen unha estratexia xeral.

Deste xeito, na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras recuperadas para o cultivo ecolóxico na contorna fluvial do río Sar; e mailo asesoramento e formación aos produtores.

O segundo proxecto aborda a vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma, que inclúe a conexión ciclista entre O Milladoiro e Bertamiráns (conexión Milladoiro - Biduído de Arriba – Bugallido – Ortoño - Bertamiráns); a recuperación de espazos públicos periurbanos como as rúas Ameixeiras e Juan Bueno Bueno, Bugallido, Corredoira de Ortoño, Guimaráns, Buceleiras e Ortoño ata chegar á rúa Alcalde Lorenzo.

A través de dito proxecto tamén se contempla a humanización e reverdecemento do entorno das rúas Estivada de Castelao e Camelias, no Milladoiro, como lugar de arranque; e a humanización e reverdecemento da praza de Chavián, en Bertamiráns, como nodo de remate do eixo conector. Por último, preténdese a creación dun corredor verde en Bertamiráns, entre a praza de Chavián e o parque do Ameneiral, así como a renaturalización do parque do Ameneiral.

O terceiro proxecto atende á vertebración do municipio a través da implantación dun transporte público, que una de maneira áxil os núcleos de O Milladoiro e Bertamiráns, entre eles e co rural. Para iso preténdese a posta en marcha dunha liña de autobús eléctrico entre O Milladoiro e Bertamiráns; a actualización das marquesiñas de transporte público e a dixitalización das mesmas; así como a creación dun sistema de transporte baixo demanda, para facilitar a conexión dos distintos núcleos entre si e cos dous núcleos principais.

O cuarto e último proxecto recolle a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos. Trátase de facer unha reforma para a adaptación de usos ás necesidades da poboación nova e maior e da rehabilitación enerxética dos locais sociais das parroquias de Biduído, Ames, Piñeiro e Ortoño. Tamén se contempla a creación de puntos de atención municipal (equipamento dixital e dotación de 5G) e un programa de alfabetización dixital das comunidades; e a posta en marcha dun plan de dinamización dos núcleos, a través da programación de apoio social, loita contra a soidade e fornecemento cultural da man das asociacións municipais, nun marco de fomento da autoxestión.

Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames
  • Imaxe da presentación do Plan Conecta Ames