Pestanas principais

Ames conmemora este sábado o Día do Libro

Venres, 29 de abril de 2011

[29-04-2011] Un ano máis o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro cun acto especial que reunirá a literatura e a música e que terá lugar este sábado en Bertamiráns. A partir das 17:00 horas, a Praza do Concello en Bertamiráns acollerá unha feira de exposición e venda de libros, contacontos, presentacións de obras literarias, lecturas e música en vivo. O evento abrirase coa presentación do libro A narrativa galega na fin de século, da escritora Dolores Vilavedra. Ademais haberá un posto dedicado á creación de camisetas literarias con Tinta de Lura (cada persoa deberá levar a súa propia camiseta) e obradoiros para elaborar un libro de grandes dimensións e marcapáxinas. A partir das 18:00 horas terá lugar a lectura dos traballos gañadores no VII Certame Literario Concello de Ames, así como a presentación do libro que os reúne. Estas lecturas mesturaranse con pezas de música interpretadas polo dúo amiense Pel de Noz.

Contos, poesía, música, obradoiros... actividades creativas e entretidas para todos os públicos serán algunhas das actividades que se celebrarán este sábado, 30 de abril, na Praza do Concello de Bertamiráns con motivo da conmemoración do Día do libro. A concellaría de Cultura e Deportes e a de Educación de Ames deseñaron unha programación especial para conmemorar este sábado o Día Internacional do Libro. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e aproveitar a afluencia de público que adoita haber os sábados en Bertamiráns por causa do mercado de rúa. O tempo non será en ningún caso un impedimento para asistir, pois os operarios do Concello instalarán varias carpas onde terá lugar o evento.

A programación para o acto do Día do Libro comezará ás 17:00 horas coa presentación e sinatura do libro, A narrativa galega na fin de século, por parte da propia autora, Dolores Vilavedra, Calos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia, a escritora Inma López Silva e o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, acompañarán a Dolores Vilavedra na súa intervención. Simultaneamente, realizaranse dous obradoiros para elaborar o gran libro do día do libro e para elaborar marcapáxinas. Os rapaces e rapazas poderán aprender distintas técnicas para confeccionar os seus propios marcapáxinas. Ademais entre todos os rapaces e rapazas farán un libro de grandes dimensións. A concellaría de Educación tamén participa neste evento a través da Biblioteca coa realización destes obradoiros e de diversos contacontos que se realizarán a partir das 18:00 horas.

Este día suporá tamén unha boa oportunidade para dar á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois ao mesmo tempo e no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías de Ames exporán os seus libros e poranos á venda cun 10 % de desconto. Así mesmo haberá un posto dedicado á creación de camisetas literarias con Tinta de Lura (cada persoa deberá levar a súa propia camiseta).

A partir das 18:00 horas terá lugar a lectura dos traballos gañadores no VII Certame Literario Concello de Ames, así como a presentación do libro que os reúne. Os gañadores da modalidade de poesía poderán ler o seu poema ao completo, mentres que na modalidade de narrativa escolleranse os mellores fragmentos para ler ante o público. A música será tamén a protagonista desta parte da celebración. O dúo musical amiense Pel de Noz realizará varias actuacións alternadas entre as lecturas dos diferentes fragmentos literarios.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Letras y música en Bertamiráns"