- Tematica
Marzo é o mes dedicado a enfermidade da endometriose, unha enfermidade que afecta ao 10% das mulleres en idade fértil. Ames colabora coa asociación “QuerEndo, Mulleres con Endometriose” na conmemoración do día, polo que o vindeiro sábado, 27 de marzo, iluminará a Casa do Concello de cor amarela. Esta iluminación é un símbolo de solidariedade coas mulleres que padecen a enfermidade e pretende tamén lembrar a necesidade de facer revisións e apoiar a investigación sobre a doenza. A iluminación permanecerá acesa tamén o domingo, 29 de marzo.
Unha de cada 10 mulleres en idade fértil ten Endometriose. O 15% delas está aqueixada das formas máis severas da doenza. En Galicia, o colectivo “QuerEndo, Mulleres con Endometriose” leva anos loitando por visibilizar a enfermidade que nos casos máis graves incapacita ás mulleres para moitos aspectos das súas vidas.
“QuerEndo, Mulleres con Endometriose” pretende ademais que visibilizar da doenza serva tamén para que as mulleres tomen conciencia da necesidade de facer revisións periódicas nas que se poida detectar a enfermidade en graos máis leves. Asemade, un dos seus obxectivos principais é o de facer patente a enfermidade para que se continúe investigando sobre os modos de previla e paliala.
“Sumámonos á marea amarela facendo visible o noso apoio as máis de 60.000 mulleres que padecen esta enfermidade en Galicia, das cales o 15% teñen as formas máis severas. Ademais, apoiamos esta causa por esas 9.000 mulleres que padecen unha endometriose incapacítante para moitos aspectos das súas vidas. Hai moito que reivindicar e moito que aprender sobre esta doenza”, manifesta a concelleira de Promoción da Saúde, Luísa Feijóo.
A endometriose
A endometriose é unha enfermidade crónica, inflamatoria e estróxeno dependente que se define como a implantación e crecemento de células similares ás do endometrio, a capa que recubre o útero, fóra del. As localizacións máis frecuentes son trompas e ovarios, aínda que poden atoparse lesións ata noutras 37 partes do corpo, como o intestino, a vexiga, o estómago, o pulmón, o cerebro ou o nariz.
Estas úlceras sangran periodicamente cos cambios das hormonas do ovario e provocan dor que, en moitos casos, acaba por converterse en incapacítante e afecta a diferentes ámbitos da vida. Na actualidade, estímase que unha de cada dez mulleres en idade fértil padece endometriose, o que suporía uns dous millóns de mulleres só en España. O diagnóstico adoita tardar de media de oito a dez anos, desde que se acode por primeira vez ao médico en relación ás dores.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames sacou do armario a doenza da endometriose"