Pestanas principais

Ames conmemora o día de Galicia cun acto institucional no Pazo da Peregrina

Martes, 21 de xullo de 2020

O Concello de Ames celebra o día de Galicia cun acto ao que está previsto que asistan todos os membros da Corporación Municipal e que interveñan os voceiros dos diferentes grupos políticos que a compoñen. Ademais entregaráselle a medalla do Concello ao Cronista Oficial de Ames, Maximino Viaño. A música correrá a cargo da cantante Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero que interpretarán algúns temas clásicos galegos e guiarán aos asistentes na interpretación do Himno de Galicia co que se pechará o acto. O Pazo da Peregrina é o lugar elixido para a celebración que terá lugar o xoves, 23 de xullo, ás 20:30. Nesta ocasión, por mor da normativa imposta para loitar contra a pandemia do Covid19, o aforo limitarase a 120 persoas e estableceranse corredores que marquen as entradas e as saídas do recinto.

Este é un ano distinto e esa diferenza hase de notar especialmente na distancia á que se coloquen as cadeiras dos convidados e convidadas, nos botes de hidroxel e nas máscaras cos que todos e todas acudiremos ao pazo da Peregrina para participar do acto institucional do Día de Galicia en Ames que, como adoita ser costume, se celebrará o xoves anterior á data oficial do 25 de xullo. Está previsto que acuda a corporación municipal en pleno e que os voceiros de cada un dos partidos políticos pronuncien unhas verbas. Ao acto están convidados tamén os veciños e veciñas de Ames que deberán acudir con máscara e manter a distancia de seguridade que impón a normativa de loita contra a pandemia do COVID19  

Recepción a Maximino Viaño
Moitos dos veciños e veciñas serán familiares e amigos e amigas de Maximino Viaño, a quen este ano fáiselle unha recepción oficial e entrégaselle a medalla do Concello. Histórico do Cooperativismo Agrario Galego, Maximino foi socio fundador da Cooperativa Feiraco e promotor da denominación Ternera Gallega, cuxo órgano reitor presidiu até o ano 1973. Comendador da Orde ao Mérito Agrícola e Medalla de Bronce de Galicia, Maximino dedicou unha boa parte da súa vida a fomentar o progreso e a mellora do campo. As lembranzas e as vivenzas dese “home de campo e fillo de labradores”, como el gusta de definirse, están recollidas nos seus libros: “Lembranzas: Unha vida no campo galego”, “Os muiños de Riamontes. Contos da miña aldea” e “Visto desde a aldea, aquela xentiña eramos así”, publicado este último no ano 2019 polo concello de Ames e a Deputación Provincial de A Coruña. No ano 2015, a corporación amesán nomeouno Cronista Oficial da vila.

O alcalde de Ames, Xosé Miñones, que será o encargado de entregarlle á distinción á Maximino, considera que ninguén como o Cronista Oficial representa o que é o concello de Ames: “a súa faceta creadora e emprendedora e o papel que durante toda a súa vida desempeñou como impulsor de proxectos son o reflexo do que Ames é na actualidade”. Para o alcalde, a medalla supón só unha cativa mostra de gratitude a Maximino “polo que supón para este Concello telo como veciño, por todo o traballo feito, e polo que aínda segue a facer como cronista oficial de Ames”.

Música con Paty Lesta e Cristian Leggiero
A música, elemento tradicional do acto desde os seus inicios, corre este ano a cargo da  cantante Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero, un dúo afeito a realizar cerimonias e actos deste tipo. Interpretarán “Negra Sombra”, “Lela”,  “Alecrín” e “Alalá das Mariñas”e guiarán á veciñanza e aos políticos na interpretación do Himno Galego co que rematará o acto.

Cartel do acto do Día de Galicia

Multimedia

  • Cartel do acto do Día de Galicia
  • A música corre este ano a cargo da  cantante Paty Lesta e o pianista Cristian Leggiero