- Tematica
Este mércores, 28 de xuño, celébrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+. O Concello de Ames, a través do departamento de Igualdade, sumouse a esta conmemoración coa lectura dun manifesto reivindicativo na praza do Concello, que tivo lugar esta mañá. Ao longo da tarde sucederanse distintas actividades para nenos e nenas no Paseo da Igualdade (no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro), así como a actuación do DJ Wana.
Decenas de veciños e veciñas achegáronse esta mañá á Casa do Concello, en Bertamiráns, para conmemorar o Día do Orgullo LGTBIQ+. A xornada deu comezo ás 12:00 horas, coa concentración dos concelleiros e concelleiras da Corporación municipal, así como dos traballadores e traballadoras do Concello, na escalinata principal; para dar lectura ao manifesto e repartir o merchandising aos presentes. O texto foi lido polo alcalde, Blas García; a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García; e polas concelleiras Escarlata Pampín e Oliva Agra.
Dito manifesto avoga por “alzar as voces e seguir mobilizándose por unha sociedade con menos odio, que erradique a violencia machista, con máis amor, respectando as diversas formas de amar en liberdade e con respecto da identidade de xénero e da orientación sexual”. Así mesmo, sinálase que “nunha sociedade democrática é importante o respecto e a dignidade de tódalas persoas, a liberdade é dar visibilidade ás diversas expresións da sexualidade. É necesario celebrar o orgullo de quen somos e eliminar toda forma de discriminación”. Podes consultar o texto ao completo premendo nesta ligazón.
Con este acto preténdese poñer de manifesto, unha vez mais, que Ames é un concello que loita contra calquera tipo de discriminación, aposta pola visibilización, a sensibilización e a normalización dende as idades máis temperás.
Nesta ocasión, o Concello escolleu o lema “Só importa que Ames” para reivindicar o Día Internacional do Orgullo. Para plasmar o eslogan, empregáronse liñas de puntos similares á utilizadas nos cadernos de escritura, simbolizando o avance da aceptación do movemento LGBTIQ+ entre a sociedade, e a importancia da aprendizaxe dos valores da tolerancia e o respecto.
Actividades para rapazada e adultos
Tras a lectura do manifesto, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Uxía García, invitou á veciñanza a acudir ás actividades que se realizarán en horario de tarde, O Milladoiro acollerá distintas iniciativas para a cativada e para os adultos. Será no Paseo da Igualdade (no aparcadoiro da Casa da Cultura). Entre as 18:00 e as 20:00 haberá actividades para nenos e nenas. Entre as 20:00 e as 23:00 horas actuará o DJ WANA.
Tendo en conta a programación, quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro este mércores 28, en horario de 16:00 a 00:00 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o bando informativo.
Colocación da bandeira LGTBIQ+ nos monólitos do concello
Dende este luns, 26 de xuño, o concello tamén volve lucir un ano máis as cores da bandeira do arco da vella. Os monólitos de acceso ao termo municipal, situados nas inmediacións de Bertamiráns e do Milladoiro, vístense coa bandeira LGBTI+ e a inscrición “Ames a quen Ames, faino con orgullo”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Concellos pola integración LGTBIQ+"
La Voz de Galicia: "El aplaudido mensaje con el que Ames conmemora el Día del Orgullo LGBTI+: 'Ames a quen ames, faino con orgullo'"
Enfoques: "Ames estrena monolitos LGTBIQ+ con el lema 'Ames a quen ames, faino con orgullo'"
AMS GO!: "Ames celebra o Orgullo LGTBIQ+"