- Tematica
Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan os rapaces e rapazas que integran a Escola Municipal de Teatro. A través deste vídeo, no que se conta a historia dunha misteriosa maleta, queren compartir a súa paixón pola escena e desexarlle a toda a veciñanza un día cheo de arte, emoción e moita maxia teatral. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2025, que inclúe trece espectáculos de teatro, danza e circo e que se representan de xaneiro a maio.
A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro na que na actualidade participan arredor de 90 persoas, tanto nenos como adultos, repartidos en distintos grupos segundo a idade. Nesta escola, dirixida por Talía Teatro, poden participar nenos e nenas dende os tres anos en diante ata persoas adultas sen límite de idade. A formación teatral impártese os martes en Bertamiráns e os mércores no Milladoiro.
Co gallo do Día Mundial do Teatro, a Escola Municipal de Teatro quixo conmemoralo nun vídeo protagonizado polo seu alumnado máis novo, no que se conta a historia dunha misteriosa maleta. A través deste vídeo o alumando da Escola Municipal de Teatro quere compartir a súa paixón pola escena e desexarlle a toda a veciñanza un día cheo de arte, emoción e moita maxia teatral.
A celebración do Día Mundial do Teatro é parte da forte aposta que se realiza dende o Concello de Ames por esta disciplina artística. Na actualidade, o Concello conta cunha programación estable de artes escénicas, con trece funcións para o público adulto, infantil e familiar no primeiro semestre de 2025. Ademais, a Concellaría de Cultura facilita o acceso á veciñanza ás obras, con entradas a prezo reducido e coa emisión de bonos culturais, que permiten asistir ás representacións cun 50% de desconto.
Obradoiro de técnicas teatrais para o des-estrés
O Concello de Ames, a través da Escola Municipal de Teatro, organiza para os vindeiros días 2 e 9 de abril un obradoiro de técnicas teatrais para o des-estrés. A actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 19.00 a 21.00 horas. O prazo para inscribirse remata hoxe, 27 de marzo. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo cultura@concellodeames.gal con nome, apelidos e un número de teléfono. Hai 15 prazas dispoñibles e adxudicaranse por orde de inscrición.
O obxectivo desta actividade, dirixida para persoas que non conten cunha experiencia teatral previa e que queiran experimentar e coñecer mellor o seu corpo e expresións, é dar a coñecer os beneficios do teatro na nosa vida cotiá, máis aló da preparación dunha obra. Deste xeito, preténdese amosar o teatro como unha vía para romper con todas as categorías e a monotonía da rutina, ofrecendo a posibilidade de asumir e xogar diferentes papeis, formas de comunicarnos e expresarnos ou diferentes formas de ver a vida. A finalidade destas sesións é brindar aos participantes unha oportunidade para desafogar e liberarse da rutina e do estrés do día a día.
Residencias artísticas
Co obxectivo de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames oferta residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores, creadoras e compañías profesionais que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas. Deste xeito, as compañías Berrobambán, Producións Teatrais Excéntricas e Xampatito Pato estiveron realizando unha residencia artística no noso concello durante os últimos meses.
Novas relacionadas: