Pestanas principais

Ames conmemora o Día Mundial do Teatro dándolle protagonismo á Escola Municipal de Teatro

Luns, 27 de marzo de 2023

Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, acaba de publicar un vídeo baixo o lema “Ames Medra coa Cultura” no que se pode ver aos integrantes da Escola Municipal de Teatro, dirixida por Talía Teatro, actuando durante as sesións de formación. Ademais, no vídeo alúdese a que dende Ames vívese o teatro con ilusión e interese, asi como dende unha perspectiva de xogo e formación.

Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan os/as integrantes da Escola Municipal de Teatro. Baixo o lema “Ames Medra coa Cultura” a Concellaría de Cultura trata de visibilizar o apoio á cultura e concretamente ás artes escénicas con motivo de dita efeméride. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2023 que inclúe dezaseis representacións de teatro, danza e novo circo que se representan de xaneiro a maio.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro na que na actualidade participan 75 nenos/as e persoas adultas repartidos en distintos grupos segundo a idade. Poden participar na Escola Municipal de Teatro nenos e nenas dende os tres anos en diante ata persoas adultas sen límite de idade. A formación teatral impártese os martes en Bertamiráns e os mércores no Milladoiro.

Por outra banda, dende o Concello de Ames apoiase a creación poñendo a disposición das compañías os espazos municipais e equipamentos. Deste xeito, na actualidade o persoal da compañía de teatro Et All ensaian os luns e martes no auditorio do Milladoiro.

Ditas instalacións están sendo melloradas. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, cuxas infraestruturas foron melloradas recentemente a través dun proxecto de instalación, modernización e xestión sostible cofinanciado con axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais, é unha das instalacións que acolle as sesións formativas da Escola Municipal de Teatro e maila programación cultural de artes escénicas. A través desta actuación mellorouse o equipamento do sistema de iluminación.

Ademais, preténdese mellorar estes mesmos equipamentos no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Para elo solicitouse esta mesma axuda á AGADIC dentro da convocatoria de 2023.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, explica que “somos uns privilexiados ao ter unha Escola Municipal de Teatro, onde se achegan a esta disciplina nenos e nenas con idades moi temperás ata persoas de idade adulta. Con este vídeo queremos plasmar o desfrute do alumnado da Escola”.

Ademais, destacou que “en Ames unha parte do orzamento de cultura está destinado, sobre todo no primeiro semestre do ano, ás artes escénicas. Contamos cunha programación que inclúe representacións de compañías teatrais de recoñecido prestixio, que poñen sobre as táboas pezas relacionados con temáticas de actualidade. Ademais, programamos funcións escolares para achegar o teatro a todos os públicos. O teatro é o gran protagonistas dos nosos escenarios”.

Mellorouse o equipamento do sistema de iluminación do auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • Embedded thumbnail for