Pestanas principais

Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello

Venres, 08 de marzo de 2024

O Concello de Ames conmemorou este venres, 8 de marzo, o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello, en Bertamiráns. O acto comezou coa lectura do manifesto institucional do Concello de Ames que abordou a fenda salarial entre homes e mulleres ou o desemprego que segue sendo unha cuestión de xénero. Dende a Corporación municipal, unha Corporación feminista composta de 12 mulleres e 9 homes, comprométense a unir forzas e loitar contra a todo aquel que pretenda unha regresión nos dereitos conquistados. De seguido, repartiuse entre as persoas que asistiron a dito acto diverso material promocional do 8M. A programación completa pode consultarse premendo nesta ligazón.

A Casa do Concello acolleu esta mañá o acto institucional con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller. Primeiro deuse lectura ao manifesto institucional do Concello de Ames con motivo do 8M. O manifesto foi lido polo alcalde, Blas García; a concelleira de Igualdade, Uxía García; a concelleira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra; a concelleira do Bloque Nacionalista Galego de Ames, Escarlata Pampín; e maila concelleira de Espazo Común de Ames, Luísa Feijóo. A continuación, repartiuse entre as persoas que asistiron a dito acto diverso material promocional do 8M.

A concelleira de Igualdade, Uxía García, salienta, segundo se recolle no manifesto municipal, que “hoxe, 8 de marzo, a Corporación do Concello de Ames, unha Corporación feminista composta de 12 mulleres e 9 homes, comprométese a unir forzas e loitar contra a todo aquel que pretenda unha regresión nos dereitos conquistados ou que intente frear a consecución de outros novos e reivindica: os avances acadados polo movemento feminista; a transversalidade das políticas de igualdade; a defensa dun feminismo inclusivo e interseccional; e manter a loita viva hoxe para acadar un mundo equitativo mañá”.

Actividades polo Día Internacional da Muller
As actividades polo 8M continuarán ao longo das vindeiras semanas. Proximamente anunciarase a nova data na que se vai celebrar a carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que estaba prevista para este venres 8 de marzo. A proba suspendeuse debido a que a previsión meteorolóxica apunta choiva para hoxe pola tarde. As inscricións, que son de balde, poden seguir realizándose en liña premendo nesta ligazón.

Así mesmo, dentro da programación do 8M, volveuse a poñer en marcha o programa “Mulleres en rede”, unha das actividades de maior peso no programa, xa que está dirixida especialmente a mulleres que se atopan nun estado de vulnerabilidade. Con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estase a desenvolver dende febreiro un curso na Casa da Cultura, e estenderase ata o vindeiro 12 de abril. No obradoiro, profesionais da psicoloxía e do ámbito laboral tratan de empoderar e recuperar a autoestima das mulleres participantes, así como de buscarlles oportunidades laborais.

Charlas de autocoidados femininos
Por outra banda, ao longo de marzo impártense tres charlas de autocoidados femininos, tamén financiados polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A médica de familia, Belén Cabana, foi a encargada de impartir a primeira charla, este pasado mércores 6 de marzo. Nesta conferencia falouse sobre os tipos de augas termais ou os efectos que teñen na saúde.

O mércores 13 será a quenda da psicóloga Mónica Antelo, persoal municipal do CIM de Ames, que impartirá “Quen coida ao coidador”, mentres que o día 20, Pablo Fernández, adestrador en BJ trainers & Co presentará “Exercicios en mulleres maiores”.

Por último, os centros de primaria do concello foron convidados a realizar a “Ruta urbana circular 8M”, un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión curta de aproximadamente cinco quilómetros e outra longa que se estende até os 8 quilómetros. En cada unha das zonas verdes pola que discorre a ruta, está instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade, como Clara Campoamor, Concepción Arenal ou Maruja Mallo, entre outras.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Manifestos, podcasts, murais e documentais para poñer en valor o labor das mulleres"

La Voz de Galicia: "Carreras, exposiciones y homenajes para sumarse a la reivindicación"

Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello

Multimedia

  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello
  • Ames conmemorou o Día Internacional da Muller cun acto institucional na Casa do Concello
  • Embedded thumbnail for