Pestanas principais

Ames contará con sete equipos na quinta edición do Club de Debate

Mércores, 02 de decembro de 2015

[02-12-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Normalización Lingüística, participa un ano máis no Club de Debate, un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Este ano o Concello de Ames contará co maior número de equipos inscritos nos cinco anos que se leva desenvolvendo este programa. Deste xeito, inscribíronse un total de sete equipos dos centros de ensino do concello de Ames (2 do IES do Milladoiro e 5 di IES de Bertamiráns). Nesta ocasión a final celebrarase no concello de Fene no vindeiro mes de abril.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que “o goberno de Ames afondará nos vindeiros anos nesta liña de actuacións, dirixida a mellorar as actitudes lingüísticas e estender o uso do galego entre a mocidade, mediante actividades de carácter transversal que impliquen aprender, traballar en grupo e divertirse. O futuro da nosa lingua está nas mans da rapazada, e Ames, polas súas características socio-demográficas, debe apostar claramente por políticas de normalización lingüística dirixidas á xente nova e á infancia”.

Durante este curso desenvolverase a V edición do Club de Debate, que agrupa a varios concellos e ten varias fases de competición: local (se non puidesen acceder á fase comarcal/zonal todos os equipos anotados nun concello), comarcal/zonal e galega. Na edición pasada participaron 9 concellos (Ames, Carballo, Ferrol, Negreira, O Carballiño, Pontevedra, Rois, Santiago e Teo) agrupados en 4 zonas de competición. Este programa está coordinado desde os servizos de normalización lingüística municipais. Todos os equipos inscritos participarán nunha xornada de formación para orientar a práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para mellorar as intervencións orais públicas.

Esta iniciativa está dirixida aos rapaces e rapazas (os equipos deben ser mixtos) de 3º e 4º de ESO ou 1º de bacharelato. Os equipos deberán estar compostos por un mínimo de 4 e un máximo de 10 membros máis o/a preparador/a (persoal docente ou PAS). A través deste programa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais (os propios debates) e informais (a convivencia que se xera). Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre o(s) tema(s) dos debates que achega nocións, datos e argumentos. Teñen moita importancia no deseño do programa cuestións como: o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte á diversidade de opinións e o traballo en equipo.

Posición a favor e en contra
Trátase dun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva, na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posicións respecto ao tema proposto –a favor e en contra-. As regras dos debates están detalladas, bastante polo miúdo, no regulamento da actividade. Os equipos gañadores de cada zona de competición, competirán na final cos procedentes das outras zonas. Os criterios de valoración dos debates están no regulamento e son analizados por un xurado de 5 membros (profesorado, xornalistas, lingüistas, xuristas...).

Na fase comarcal os equipos clasificados recibirán cadanseu premio en material cultural, educativo ou deportivo valorado en 500 e 300 euros. O equipo que consiga a vitoria na final galega do mes de abril recibirá como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para 20 persoas na que se inclúan contidos culturais e lingüísticos. Para obter máis información sobre a actividade e o seu desenvolvemento pódese acceder á páxina de Facebook "Club de Debate".

Contido relacionado


El Correo Gallego: 'Sete equipos representan ó concello amaiano no Clubde Debate para Secundaria'