O programa posto en marcha pola Concellaría de Benestar Social en colaboración con IGAXES, ten como obxectivo capacitar aos menores de 7 a 12 anos e as súas familias para mellorar as súas relacións familiares. Durante 4 meses as familias participantes van traballar aspectos como a disciplina positiva ou a cohesión familiar. A gran vantaxe deste programa é que os resultados son medibles. O Concello de Ames vai poñer en marcha este programa coa colaboración de IGAXES.
O programa “Competencias familiares” presentouse esta mesma mañá no Salón de Plenos do Concello de Ames. Á presentación asistiron a concelleira de Benestar, Luísa Feijóo Montero, o Director de IGAXES, Carlos Rosón, a Educadora Familiar, Soraya Añón e o Coordinador da Ofincina do Voluntariado, Rubén Ramos.
“Competencias familiares” nace coa idea de que todos os nenos e nenas precisan medrar nun clima protector e alentador. Este programa busca dotar a pais, nais, fillos e fillas de distintas ferramentas para mellorar a súa relación. Estas ferramentas están enfocadas a incrementar as competencias parentais, mellorar as habilidades vitais, sociais e de conduta dos fillos e fillas e reducir ou previr o consumo de alcol e drogas.
Segundo a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, este programa supón unha nova e máis estreita colaboración con Igaxes “É unha sorte para nós poder contar co programa “Competencias familiares”. Un programa que trata de aproveitar as sinerxías e complementar o traballo que se fai dende os servizos de Educación familiar dos Concellos e dende os propios servizos de Orientación dos centros escolares co traballo que se desenvolve a través de Igaxes”.
Por outra banda, a Educadora Familiar, Soraya Añón, quixo agradecer a IGAXES a implantación deste programa no Concello de Ames “este programa vainos permitir traballar coa poboación de entre 7 e 11 anos para axudalos en varias áreas; tanto a nivel escolar coma nos propios fogares”.
O Director de IGAXES, Carlos Rosón, quixo agradecer a colaboración ao longo dos anos co Concello de Ames e, sobre todo, a aposta que se vén facendo nos últimos anos polo traballo preventivo. “O programa quere cambiar como se establecen as relacións entre as familias para iso vaise traballar a resiliencia, a capacidade para abordar conxuntamente os retos que se poidan producir, vaiselles dar ferramentas para traballar a organización familiar para construír espazos non conflitivos, espazos de ocio, lúdicos. O programa, tamén, está deseñado para traballar como reducir os conflitos entre pais e fillos, entre os propios fillos e a parella. Outra parte moi importante do programa é a de dotar aos pais e nais das habilidades axeitadas para motivar, aconsellar aos nenos e ás nenas e para acompañalos nos procesos educativos. E por último, para comprender as dinámicas e as problemáticas dos nenos a nivel escolar e en definitiva mellorar o comportamento dos rapaces”.
Segundo Carlos Rosón, o gran reto deste programa é que unha vez finalice vaise poder medir si se acadaron os obxectivos fixados “este programa baséase na evidencia, é dicir, vainos permitir medir o impacto da nosa intervención, algo que no ámbito dos servizos sociais non é moi habitual. Deste xeito imos poder medir se verdadeiramente se conseguiron eses cambios nas dinámicas familiares ou non”.
O programa “Competencias Familiares” está dirixido a familias con crianzas a cargo, cun clima familiar susceptible de mellora con intervención socioeducativa e con fillos e fillas de entre 7 e 11 anos. O traballo coas familias vano desenvolver profesionais formados de IGAXES, concretamente unha Educadora Social.
O programa ten unha duración de 4 meses. As familias participantes deben acudir unha vez por semana en horario de tarde. Ao longo de dúas horas e media todos os membros da unidade familiar traballarán xuntos para mellorar aspectos como a resiliencia, a comunicación, a organización e a cohesión familiar ou a disciplina positiva.
As sesións van comezar o vindeiro xoves 16 de setembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Un programa vai mellorar as relacións nas familias"
Revista AmesGO: "Ames contará cun novo programa de “Competencias familiares”
Lindeiros: "Ames e Igaxes aposta por mellorar as relacións entre nenos e pais"