[05-07-2017] No primeiro semestre deste ano, o concello de Ames rexistrou 146 nacementos por tan só 58 defuncións, resultando nun saldo positivo de +88. Así, entre os novos nacementos e as novas altas do padrón, Ames conta con cerca de 1000 novos amesáns neste primeiro semestre de 2017.
Ames é un dos concellos galegos cun mellor saldo vexetativo de Galicia. Neste primeiro semestre de 2017, o concello tivo 24,3 nacementos por mes, dando un total de 146 nacementos nos primeiros seis meses do ano. Comparándoos coas defuncións, 58 entre xaneiro e xuño, o concello amosa un saldo positivo de +88. Así os datos, a poboación do concello a 30 de xuño de 2017 é de 31.214 habitantes, un total de 671 veciñas e veciños máis desde o 1 de xaneiro de 2016. O crecemento equivale, polo tanto, a 37,2 novas altas ao mes, o que supón máis dun novo empadroamento ao día.
Asemade, ao longo deste semestre, producíronse 847 novas altas por cambio de domicilio, fronte a 552 baixas. Entre as novas veciñas e veciños, 413 son homes e 434 son mulleres. No tocante aos nacementos, hai 79 novos nenos fronte a 67 nenas no concello. Estes datos evidencian que o municipio amesán continúa a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta, o que sitúa a idade media da poboación amesá arredor dos 38 anos aproximadamente.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres).
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, superouse a cifra dos 30.000 veciñas e veciños; o INE contabilizaba este ano un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). O 2016 rematou con 30.544 persoas empadroadas no concello.
Programas de conciliación
Os programas de conciliación que se veñen desenvolvendo, na última década en Ames, teñen servido como aliciente para o asentamento de novas familias no concello. Servizos como os de comedores escolares, as escolas deportivas e culturais, así como programas como o Xuño Lúdico, a Escola de Verán ou o Setembro Lúdico, fan que a conciliación entre a vida laboral e familiar sexa máis fácil para moitas persoas.
Nesta liña exprésase o alcalde de Ames, José Miñones: “Ames segue a medrar e é por iso que necesitamos que as administracións axuden aos concellos emerxentes , sobre todo de cara a asentar poboación. As políticas sociais e deportivas, de conciliación e ocio, que facemos no noso concello necesitan de axudas para poder atender este crecemento tan exponencial. Seguiremos potenciando os nosos servizos e damos a benvinda ás preto de 1000 novas e novos amesáns deste 2017”.