- Tematica
O portal de observación social de ética e transparencia pública Dyntra continua situando ao Concello de Ames como a institución municipal máis transparente de Galicia, e colócao no posto número 72 de España. O Concello conta con 106 indicadores publicados dos 162 que recolle Dyntra, alcanzando así unha porcentaxe do 65,43% no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios), que inclúe aos municipios de máis de 15.000 habitantes. O Concello de Ames mellora resultados respecto ao pasado mes de marzo pasando do 63,58% ao 65,43% no índice DAM. A avaliación recolle seis apartados, nos cales Ames obtén as seguintes puntuacións: 73,85% en transparencia municipal; 69,70% en participación e colaboración cidadá; 51,85% en transparencia económica-financeira; 50% en contratacións de servizos; 65% en urbanismo e obras públicas e 0% en Open Data.
A última avaliación publicada polo portal de auditoría e observación social Dyntra volve a situar a Ames como o Concello máis transparente dos 56 municipios galegos avaliados, logrando unha puntuación do 65,43%. Estes datos supoñen unha mellora de preto de dous puntos con respecto aos do pasado mes de marzo. Ademais, o municipio tamén escala no ránking a nivel estatal. Se en marzo de 2024 se situaba no posto 88, actualmente ostenta o posto 72.
O portal municipal web, xestionado polo departamento de Comunicación do Concello, aposta por potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices da organización Transparencia Internacional. Desta maneira, este tipo de datos poden atoparse nos apartados “Transparencia” e “Organización municipal”, organizados de maneira accesible á veciñanza.
A avaliación de Dyntra está dividida en seis apartados, nos cales o Concello de Ames obtén as seguintes puntuacións: 73,85% en transparencia municipal; 69,70% en participación e colaboración cidadá; 51,85% en transparencia económica-financeira; 50% en contratacións de servizos; 65% en urbanismo e obras públicas e 0% en Open Data. A avaliación da transparencia está baseada no índice DAM (Dyntra Ayuntamientos y Municipios).
Evolución de Ames en materia de transparencia
O portal rexistra unha evolución moi favorable do Concello dende as primeiras avaliacións rexistradas. En outubro do 2015, cando se recolleron os primeiros datos de transparencia, o índice de Ames situábase no 16,78%. Xa no 2016, a porcentaxe evolucionou favorablemente cara un 29,45%. A partir do ano 2020, tras a implantación uns meses antes da nova páxina web municipal e do novo Portal de Transparencia, alcanzouse o 57,67%. En xaneiro de 2023 Ames situaba como o terceiro Concello máis transparente de Galicia cunha porcentaxe do 59,26%. En marzo de 2024, por primeira vez, Ames situouse no primeiro posto como o Concello máis transparente de Galicia, cun 63,58% no índice DAM.
O alcalde de Ames, Blas Garcia, sinala que “é unha boa nova que Concello de Ames sexa recoñecido novamente como o concello máis transparente de Galicia, ademais mellorando os datos da última avaliación do primeiro trimestre do ano, e subindo no ránking de concello de España. Isto é debido ao traballo que se está facendo no departamento de Transparencia e polo seu concelleiro, Javier Antelo. O noso obxectivo é que a veciñanza do noso concello teña coñecemento da xestión e procedementos que se fan dende a administración local. Imos seguir traballando para seguir mellorando os índices que miden a transparencia do noso Concello”.
O concelleiro de Transparencia, Javier Antelo, destaca que “traballamos para ser o máis transparentes posibles para a nosa veciñanza, para que poidan ter acceso a todos os documentos e datos do xeito máis doado posible. Se somos o Concello máis transparente de Galicia é gracias ao traballo do departamento de Transparencia, liderado por David e Iván, e tamén ao traballo do resto de áreas e departamentos municipais por facilitarnos a documentación para que poida ser publicada. Agradecer tamén o traballo dos departamentos de Intervención e Secretaría porque son parte fundamental deste traballo conxunto”.
Aspectos avaliados por Dyntra
No apartado de transparencia municipal o Concello de Ames obtén unha puntuación do 73,85%. Esta sección está á súa vez dividida en diversos apartados: información sobre os cargos electos e o persoal do Concello (75,76%, 25 de 33 indicadores); información sobre a organización e o patrimonio do Concello (90%, 9 de 10 indicadores); información sobre normas e institucións municipais (72,73%, 8 de 11 indicadores); e planificación e organización do Concello (54,55%, 6 de 11 indicadores).
Por outra banda, na sección de participación e colaboración cidadá a porcentaxe acadada por Ames é do 69,70%. Neste apartado inclúense a información e a atencións ao cidadán (81,82%, 9 de 11 indicadores) e o grado de compromiso coa cidadanía (63,64%, 14 de 22 indicadores).
En terceiro lugar sitúase a sección de transparencia económica-financeira, na que se obtén unha puntuación do 51,85%, e dentro da que se inclúe a información contable e orzamentaria (60%, 3 de 5 indicadores); a transparencia nos ingresos e gastos municipais (20%, 1 de 5 indicadores); a transparencia nas débedas municipais (50%, 2 de 4 indicadores); así como a información económica e orzamentaria (61,54%, 8 de 13 indicadores).
O apartado contratacións de servizos conta cunha porcentaxe do 50%. Os procedementos de contratación de servizos valóranse cun 100%, cumprindo tres de tres indicadores posibles; as relacións e operacións con provedores e contratistas dispón dun 0% (0 de 2 indicadores). Por último, a subsección contratos, convenios e subvencións obtén un 45,45% (5 de 11 indicadores).
Urbanismo e obras públicas alcanza un 65%: os plans de ordenación urbana e convenios urbanísticos acadan o 100%. As decisións sobre recalificacións e adxudicacións urbanísticas logran un 50%, mentres que os anuncios e licitacións de obras públicas acadan o 75%. Por outra banda, a información sobre concorrentes, ofertas e resolucións ten un 50%, o seguimento e control da execución de obras chega ao 80%. A subsección indicadores sobre urbanismo e obras públicas é valorado cun 0%, ao non contar con ningún dos tres aspectos a avaliar publicados.
Para finalizar, o Concello tampouco obtén puntuación no apartado de open data, ao non contar cunha plataforma deste tipo na que se publiquen os datos en formato aberto.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames revalida el reconocimiento como Concello más transparente de Galicia"
El Correo Gallego: "Ames mellora resultados e repite como concello «máis transparente»"