Pestanas principais

Ames disporá dun Mercado Municipal con praza de abastos e mercado de produtos locais

Xoves, 02 de marzo de 2023

O Pazo da Peregrina acolleu este mércores, 1 de marzo, ás 20.30 horas, a presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames. No acto participaron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo. O proxecto abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Tamén se ordenará o espazo exterior, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo explicativo do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames.

Veciños e veciñas, así como comerciantes e membros de asociacións do concello asistiron onte no Pazo da Peregrina á presentación do anteproxecto do que será o futuro Mercado Municipal de Ames. En dito acto interviron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o redactor do anteproxecto, Jorge Duarte Vázquez, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo, e mailo alcalde, Blas García. Tamén participaron concelleiros e concelleiras do Goberno municipal e dos grupos municipais do Partido Popular, Ciudadanos e Ames Novo.

O futuro Mercado Municipal de Ames estará situado en dúas parcelas próximas á avenida da Peregrina, en Bertamiráns. Unha delas é a parcela onde está situada a Casa de Barbazán, situada na esquina da avenida da Peregrina coa Travesía de Lodeiro, e a outra é a parcela onde está situado o aparcamento da Telleira. A superficie do ámbito total de actuación é de 4.431 metros cadrados. Neste ámbito, diferenciase o espazo destinado a aparcamento na actualidade, cunha superficie de 3.303 metros cadrados, e maila parcela onde se atopa a Casa da Barbazán e un hórreo, que conta cunha superficie de 1.128 metros cadrados.

O proxecto divídese en tres partes. Unha é a creación dunha praza de abastos que disporá de 12 postos de venda; a segunda e a dotación dun espazo cuberto específico para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que será realizado cunha periodicidade de un ou dous días a semana; e a terceira é ordenar o espazo exterior, no que na actualidade está situado o aparcadoiro da Telleira, poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir o acto. Explicou que cando se puxeron en contacto con Jorge Duarte “pedímoslle que integrara dentro do proxecto á Casa de Barbazán porque é unha edificación histórica, que data de 1959, e queríamos que seguira existindo. Tamén queríamos que o Mercado Municipal estivese integrado no espazo urbano, que se empregasen para a súa construción materiais respectuosos co medio ambiente e que se empregasen enerxías renovables e se fixera unha xestión sostible da auga e que os postos para venda fose versátiles. Dende o departamento de Promoción Económica estamos traballando en varias liñas de actuación, sempre co obxectivo de apoiar ao comercio e a hostalería local”.

Praza de abastos
O proxecto para a construción do mercado de abastos abordará a rehabilitación da Casa de Barbazán e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios dunha praza de abastos. Contempla a dotación de oitos postos estables para venda de produtos de froitería e verduras e outros produtos coma panadaría. Esta zona contará cunha cámara de frío e outro local de almacenaxe. Haberá outra zona diferenciada en espazo e en tratamento dos materiais construtivos, no que se situarán dous postos de carnicería e con acceso á unha cámara de frío para cada posto e tamén outros dous destinados á venda de peixes e mariscos que contarán coas súas propias cámaras diferenciadas para cada posto. En total, haberá 12 postos de venda de produtos frescos.
 
Ademais desta zona de mercado pechado, que contará con espazos complementarios de recollida de residuos e instalacións, o novo edificio integrará a edificación existente que albergará unha cafetería con zona para preparación e degustación de produtos naturais e de proximidade. Deste xeito, o edificio albergará oficinas no primeiro andar e un espazo de hostalaría e restauración na parte baixa.

O redactor do anteproxecto, Jorge Duarte, da empresa Atrio Arquitectura e Urbanismo explicou que se fixo “unha aposta clara pola sustentabilidade e por facer un edificio do século XXI con criterios que se aproximaran ao consumo 0, tanto no gasto de auga como no consumo enerxético. Tamén se fixo unha aposta clara pola flexibilidade dos espazos  para que sexan adaptable e teñan varios usos”. Ademais, destacou que para elaborar o proxecto inspirouse “no paseo arborado que había xunto á Casa de Barbazán e tendo en conta que antigamente os mercados tradicionais se acostumaban facer en carballeiras, que eran lugares de encontro. Deste xeito, optouse por manter a Casa de Barbazán, algo que tiñamos claro dende o comezo, e arredor dela creamos un espazo cuberto que simula un bosque que rodea o edificio”.

Mercado dos produtores locais
A praza de abastos, de uso diario e pechada, complementarase coa creación dun espazo cuberto específico para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que será realizado cunha periodicidade de un ou dous días á semana. Este espazo exterior cuberto contará co seu propio núcleo de aseos exteriores e espazo de almacenaxe, de forma que poida dar servizo a outros usos, coma o mercado semanal, ou tamén permitir que este espazo cuberto poida ser utilizado coma lugar de reunións ou de xogo infantil. A cuberta desta zona exterior estará construída de xeito que permita aproveitar a auga da choiva e ademais colocaranse sobre ela paneis solares para xerar enerxía.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indica que “un dos obxectivos fundamentais deste proxecto será potenciar o mercado de proximidade, o mercado local, o que sempre foi o comercio tradicional”. Ademais, explica que “o proxecto da praza de abastos ten que transmitir a aposta pola economía circular, pola produción local e sustentable e tamén pola redución de consumos enerxéticos no propio edificio. O edificio terá capacidade para producir enerxía de forma que o edificio poda ter un funcionamento da forma máis autónoma posible”.

Ordenación do aparcadoiro
O proxecto tamén proporá a ordenación do espazo exterior para crear unha praza pública, hoxe utilizado unicamente coma aparcamento, para poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos, buscando a máxima polivalencia para a utilización deste espazo exterior, ademais de regularizar a súa utilización como aparcamento público.

Deste xeito, ordenarase o espazo de aparcamento coa mellora da pavimentación e creación de pequenas bolsas verdes de drenaxe e para plantación de arborado. Este tratamento sinxelo de ordenación de pavimentos e arborado podería permitir ter un espazo apto para outras actividades a maiores da de aparcamento como podería ser acoller parte do espazo do mercadiño vinculado á produción primaria ou calquera outro tipo de actividade que se considere conveniente.

O alcalde, Blas García, foi o encargado de pechar a quenda de intervencións e explicou que “en  primeiro lugar houbo que cambiar o uso urbanístico do ámbito de actuación onde se vaia a executar o Mercado Municipal para que pasase a ser de uso dotacional e así poder manter a Casa de Barbazán sen ter que derrubala. Eliximos esta ubicación porque está no centro do núcleo de Bertamiráns e porque este proxecto forma parte do proxecto de cidade pensado para Bertamiráns, onde tamén se integran os proxectos da améndoa central de Bertamiráns e maila creación do carreiro escolar, e para o que se teñen en conta criterios que marca a Unión Europea como son sustentabilidade, aforro enerxético e a mobilidade sostible”.

Tamén recalcou que se trata “dunha obra moi importante e necesaria para Ames. Cubrimos unha demanda que vai axudar a dinamizar o concello e o comercio local. A obra supera o millón de euros e neste caso o financiamento pretendemos que sexa a tres partes entre a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Ames. A Xunta de Galicia ten unha liñas de axuda para a creación de novos mercados e coa Deputación da Coruña a idea é asinar un convenio de colaboración. Agora teremos que licitar a redacción do proxecto e posteriormente licitar as obras de execución”.  

Novas bolsas de estacionamento
O alcalde tamén explicou que se están realizando xestións con propietarios/as de parcelas particulares na localidade de Bertamiráns para habilitar zonas zonas de estacionamento. “Xa temos comprometido un acordo cun veciño que dispón dunha parcela na rúa Xunqueira, que xa usan algunhas persoas para estacionar, para crear un novo aparcadoiro municipal. Ademais, esmos xestionado novas zonas de aparcamento na zona centro da localidade e tamén na contorna do Pedregal”, indicou Blas García.  

Organización funcional do espazo
A organización funcional do espazo da praza de abastos, pasa por situar o acceso principal no gran vestíbulo de cristal xunto á edificación existente e que permite manter a permeabilidade e as vistas do hórreo existente que se vai manter e do espazo libre traseiro, destinado a uso de aparcamento ou que puidera ser de ampliación puntual do espazo de intercambio coa implantación do mercadiño ou outros usos puntuais. Desde este vestíbulo, poderase saír cara ao aparcamento e ademais terase acceso directo ao espazo de cafetería e degustación de produtos, a través da nova apertura do muro. Tamén se disporá de acceso directo ao núcleo de aseos e ao ascensor para dotar de accesibilidade á planta primeira.

O espazo propiamente dos postos do mercado asomarase a este vestíbulo e mostrarase tamén cara ao exterior e estará organizado ao longo dun paso central con postos de venda de verduras e froitas a ambos lados. Este espazo de mercado, con oito postos e cámara de frío e almacén estará separado funcionalmente e por outro acceso secundario e outro de servizo, dos outros postos de venda de carne e peixe que contarán con dous postos de cada produto coas súas propias cámaras individuais. A este espazo tamén se poderá acceder polo costado leste do edificio. A parte alta da edificación daráselle un uso administrativo e tamén será un espazo flexible por se se lle quere dar outro uso.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La plaza de abastos de Bertamiráns , en Ames, tendrá 12 puestos estables y zona de degustación"

Enfoques: "El Concello de Ames proyecta un Mercado Municipal en Bertamiráns"

AMS GO!: "Así será o Mercado Municipal de Ames"

Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe da presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe da presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe da presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe da presentación do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames
  • Imaxe do anteproxecto do Mercado Municipal de Ames