- Tematica
Após da sinatura do convenio para a posta en marcha do Servizo de Atención Temperá, SAT, de forma conxunta entre Ames e Teo que se materializou o día 11 de outubro de 2021, constitúese agora a "Comisión mixta de coordinación" que ten como obxectivos regular as condicións de prestación do servizo e as normas internas de xestión. Na primeira xuntanza desta comisión participaron a concelleira Igualdade e Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, o concelleiro de Servizos Sociais de Teo, Ignacio Iglesias, a coordinadora de Servizos Sociais de Teo, Mónica Mella, e Rosana Martínez, técnica de Promoción da Saúde de Ames. O SAT situarase nun Local habilitado na Travesía de Casalonga, 67- 1º, en Teo, e contará con servizo de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Está previsto que comece a prestar estes servizos na primeira semana de novembro.
O seguimento da xestión do servizo, a elaboración dun orzamento anual, a fixación do catálogo das condicións da prestación, o establecemento das directrices básicas da prestación conxunta e do programa que fixa as liñas básicas de actuación, a elaboración das normas internas de xestión, a interpretación do convenio, a proposta, se fose o caso, de “adendas” e a resolución de dúbidas son os cometidos que ten a recentemente creada Comisión mixta de coordinación" que os departamentos de Servizos Sociais de Ames e Teo poñen en marcha conxuntamente co obxectivo de ofrecer a cidadanía un Servizo de Atención Tempera para aquelas familias que teñen fillos ou fillas con necesidades especiais nos primeiros anos da crianza.
O profesorado dos Centros Educativos de Ames e de Teo, o persoal sanitario dos Centros de Saúde e os propios departamentos de Servizos Sociais de ámbolos dous concellos serán os encargados de propoñer os casos que precisan ser derivados ao servizo.
Na primeira reunión do SAT, que se desenvolveu na futura sede do servizo, constituíuse formalmente a Comisión de coordinación e trazáronse os pasos a seguir para a elaboración do catálogo de servizos. Ademais establecéronse a periodicidade das xuntanzas, as necesidades orzamentarias e os detalles de organización do propio servizo.
"A pesares de que se opta polo modelo de xestión indirecta , por medio desta comisión de coordinación ambos concellos seguiremos exercendo un amplo control sobre o servizo e tendo un papel destacado tanto no acceso ao propio servizo, como na coordinación desta atención con outras intervencións sociais que se poidan estar desenvolvendo en cada caso concreto", manifesta a concelleira de Servizos Sociais de Ames, Luísa Feijóo, que asemade engade que "tamén se fará unha supervisión xeral da prestación do SAT" e que “a posta en marcha deste servizo é un paso mais cara uns servizos públicos de calidade mediante unha oferta de recursos que dea resposta ás necesidades da poboación, valorizando os recursos dispoñibles".
Obxectivos de colaboración
O convenio de colabaoración para a xestión compartida do SAT entre Ames e Teo baséase no principio xeral de "colaboración interadministrativa, para a efectividade da coordinación e eficacia administrativa". O convenio concrétase nas vantaxes de posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo público, prestar de forma eficaz e eficiente este servizo público, minorar os custos antieconómicos da prestación illada, garantir o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade mediante unha oferta de recursos suficiente e equilibrada, dar resposta ás necesidades da poboación mediante unha axeitada planificación previa e pór en valor os recursos dispoñibles.
Esta previsto que o SAT abra as súas portas na Travesía de Casalonga,67- 1º, na primeira semana de novembro, ofrecendo servizos de psicoloxóa, logopedia e terapia ocupacional.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ultiman estos días la puesta en marcha con Teo de la Atención Temperá"
La Voz de Galicia: "El servicio de atención temprana de Ames y Teo funcionará desde noviembre"
AMSGO!: "Unha comisión mixta entre Ames e Teo coordinará o Servizo de Atención Temperá"