Pestanas principais

Ames é un pouco máis accesible

Sábado, 04 de xuño de 2011

[04-06-2011] O Concello de Ames acaba de recepcionar as primeiras obras incluídas no Plan de Accesibilidade. Os traballos leváronse a cabo na Casa da Cultura de Bertamiráns e nas instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes proxectos están incluídos dentro do programa da Deputación provincial de A Coruña de eliminación de barreiras arquitectónicas. Ambas as dúas obras foron sufragadas pola Deputación da Coruña e ascenderon a un importe de 159.654 euros. Os traballos realizáronse mantendo unha constante comunicación cos redactores do Plan de Accesibilidade de Ames, a empresa Fundosa Accesibilidad SA, que foi a encargada de redactar o plan integral de accesibilidade.


Instalacións deportivas
As actuacións acordadas leváronse a cabo tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. No Milladoiro, na piscina municipal instalouse unha cadeira deseñada para persoas con mobilidade reducida que lles permitirá acceder ao vaso da piscina. Ao mesmo tempo habilitouse un novo vestiario e un aseo adaptado ás necesidades deste grupo social.

En Bertamiráns, realizáronse as mesmas obras na piscina e melloráronse os accesos á mesma. Con respecto ao pavillón deportivo, construíuse un aseo adaptado. As melloras chegaron tamén ao campo de fútbol municipal, no que se creou un espazo cuberto reservado para persoas con mobilidade reducida e construíuse unha ampla rampla de acceso ao mesmo. O orzamento destas obras ascendeu a uns 61.714 euros.


Casa da Cultura de Bertamiráns
Na Casa da Cultura modificouse a súa accesibilidade exterior e interior. O proxecto recollía como punto clave a realización dunha nova praza de aparcamento para minusválidos que se uniu cunha rampla de acceso. Tamén se fixeron máis accesibles as escaleiras. Acorde con iso, eliminouse o ángulo recto que forman as escaleiras principais para evitar riscos. Ademais, realizáronse os remates en altura das mesmas para que poidan subir por elas, sen problema ningún, persoas con mobilidade reducida incorporando os materiais necesarios como as varandas laterais. A reformulación das escaleiras foi completada, por exemplo, na porta que dá acceso á cafetería xa que se cambiou o sentido de apertura das devanditas portas para dispor dunha maior facilidade á hora de acceder desde fóra.

Xa no interior, modificáronse os aseos da planta baixa colocando habitáculos adaptados para estas persoas, con espazo suficiente para entrar cunha cadeira de rodas e elementos de protección (como as varandas colocadas aos lados dos mobiliario do servizo para que poidan facer uso del con seguridade sen sufrir caídas), que dotan dunha maior seguridade aos seus usuarios/as fronte a posibles accidentes. Tamén se modificou a accesibilidade, no que a atención ao público se refire, reformando os mostradores da entrada e da cafetería, que tiñan unha altura excesiva. Ademais, modificouse a sinalización do ascensor adaptándoa ás persoas cegas, incorporándolle elementos de sinalización en braille e instaláronse barras rugosas nas escaleiras para evitar tropezóns e caídas.


Ames é un pouco máis accesible para todos os veciños e veciñas. O Concello de Ames vén de recepcionar as primeiras obras incluídas no Plan de Accesibilidade. Os traballos executados consistiron en adaptar o exterior e o interior da Casa da Cultura de Bertamiráns e as instalacións deportivas de Bertamiráns e do Milladoiro co obxectivo de que as persoas que teñen algún tipo de discapacidade se encontren cada vez con menos trabas e poidan levar a cabo a súa vida sen ningún tipo de atranco.

Ese é un dos obxectivo do goberno municipal en materia de accesibilidade e para iso está traballando co fin de favorecer a igualdade de oportunidades e a non discriminación de diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos á hora de acceder aos bens e servizos do contorno amiense e no que se refire á eliminación de barreiras arquitectónicas. Este proceso xa comezou en decembro de 2008 cando a Xunta de Goberno local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ames, o IMSERSO e a ONCE para redactar un plan integral de accesibilidade integral.

Tras recibir a aceptación por parte destes organismos e asinar o correspondente convenio sacouse a concurso o servizo de redacción deste plan sendo adxudicado á empresa Fundosa Accesibilidade SA. Esta empresa foi a encargada de elaborar un plan integral de accesibilidade para o concello de Ames. Este proxecto tivo un custo de 104.000 euros, incluído o IVE. A través do convenio asinado coa Fundación ONCE e o IMSERSO, a Administración local recibiu 92.400 euros, xa que logo, só tivo que achegar 11.600 euros. A cantidade restante correu por conta das entidades colaboradoras, 16.800 da ONCE e 75.600 do IMSERSO.

As obras desenvolvéronse no interior e exterior da Casa da Cultura de Bertamiráns, e nas instalacións deportivas de Bertamiráns e O Milladoiro. Estas obras foron incluídas no Programa de eliminación de barreiras arquitectónicas 2008 da Deputación de A Coruña. Para executar estes traballos estableceuse unha permanente comunicación cos redactores do Plan de Accesibilidade que foi elaborado pola empresa Fundosa Accesibilidade SA.