Pestanas principais

Ames estrea nova web

Xoves, 19 de maio de 2011

[19-05-2011] O Concello de Ames acaba de estrear unha nova versión da web municipal. A nova web dispón dun aspecto moito máis moderno e está preparada para acoller os 110 procedementos administrativos que se implantarán dentro do programa da administración electrónica. Como novidade introduciuse un apartado dedicado ao audiovisual, no que se poden visualizar vídeos e diferentes galerías de imaxes. Ao mesmo tempo tamén se está traballando na accesibilidade e neste senso a nova web dispón de arquivos de son para poder escoitar todas as novas que se van renovando todos os días. O Concello de Ames tamén se pon ao día en canto ás redes sociais. Ofrécese a posibilidade de que os usuarios/as poidan publicar nos seus muros de Facebook ou de Twitter as nova municipais que máis lle interesen. No acto de presentación interviñeron o Alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Reforma Administrativa e Calidade na Administración, José Miñones.


A web está concibida como un espazo que sirva de escaparate do concello de Ames cara ao resto do mundo pero, sobre todo, como punto de referencia para a comunicación da xestión municipal. Carlos Fernández sinalou que era preciso renovar a antiga web municipal que leva funcionando dende o ao 2005 co obxectivo de adaptala aos novos tempos". O alcalde engadiu que "a nova web está preparada para a implantación da administración electrónica. No novo portal web instalaranse 110 procedementos relativos á administración electrónica".

www.concellodeames.org tamén ofrece a posibilidade de acceder a documentos administrativos e a unha completa lista de contidos entre os que se contan noticias, avisos de servizo público, convocatorias de axudas, información sobre concursos públicos, previsións informativas e mesmo unha cumprida axenda municipal. Os contidos están distribuídos dun xeito máis sinxelo para que todos/as os veciños/as poidan localizar de forma rápida o que buscan.

A páxina principal da web distribúese en tres partes. Na columna da marxe esquerda están situadas a sección de novas. En total pódense localizar dez novas, tres principais con fotografía e sete secundarias nas que se pode ver o titular e a data de edición. Deste xeito, a páxina principal recolle practicamente todas as nova que se xeran ao longo da semana. Como novidade todas as novas inclúen un arquivo de son no que se pode escoitar o contido de cada nova. Coa implantación desta ferramenta o Concello de Ames pretende facilitar o acceso a información municipal de todas aquelas persoas que teñen dificultades para ler ou algún outro tipo de impedimento.

O novo portal web préstalle maior importancia as sección de axenda, avisos e de convocatoria. Agora estás seccións atópanse no bloque central. Na axenda recóllense os principais actos que se teñen previsto organizar no concello ao longo do mes. Para acceder as actividades que se realizan diariamente tan só hai que premer no día que queres visualizar. En canto a sección de avisos encádrase baixo un fondo gris para chamar a atención dos usuarios/as e así poidan localizar este tipo de contido sen dificultade. O apartado de convocatorias, ao igual que o de avisos, móstrase sobre un fondo de distinta cor para que sexa doado de atopar. Esta sección recolle cinco ligazóns de procesos de contratación abertos polo departamento de persoal.

A principal novidade na páxina de inicio da web municipal atópase na columna da marxe dereita onde agora de pode ver a sección audiovisual que conten galerías de imaxes e vídeos. Esta sección está previsto que se amplíe no futuro coa inclusión de novos vídeos sobre diferentes actividades e programas que se desenvolven no concello.

Redes sociais

A través desta renovada web o Concello de Ames tamén entra no mundo das redes sociais (Fecebook e Twitter) xa que cada usuario/a que acceda ás novas municipais disporá da opción de subir ao seu muro de Facebook ou Twitter aquelas novas municipais que máis lle interesen. Cada nova conta cunha ligazón para que os usuarios/as as poidan publicar en calquera destas dúas redes sociais. Ademais a nova web dispón dun servizo RSS, a través do cal a veciñanza amiense poderá recibir a través do seu móbil toda a actualidade municipal.

Outras das novidades é a colocación dos banner. A nova web dispón de cinco banners permanentes que están colocados no pé da páxina de inicio (guía de empresas; administración electrónica; ler, xogar e gozar; somos solidarios e moito que ver). Mentres que na columna da marxe dereita están colocados os banners temporais nos que se pode atopar información sobre diferentes programas e actividades que se desenvolven en momentos puntuais do ano.

Para dar avisos urxentes a nova web dispón dunha xanela que aparecerá cando accedes á páxina de inicio. Os usuario/a deberán ler esta información e pechar a xanela antes de poder acceder a páxina principal do portal web. Esta ferramenta empregarase para dar avisos urxentes á veciñanza. Ademais, este tipo de avisos colocáranse na cabeceira da web, onde normalmente aparecen unha serie de imaxes que están rotando constantemente. Deste xeito os veciños/as poderán visualizar este tipo de información dun xeito moi directo e a primeira vista.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames rediseña su web y crea accesos a las redes sociales"