- Tematica
Ames vén de participar xunto a Silleda, Curtis e a Asociación Provivenda no Seminario “Asegurando o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible en Galicia”. O seminario tivo lugar o 8 de novembro na EGAP en Santiago e estivo aberto ao público baixo previa inscrición. A finalidade do seminario é que as persoas participantes poñan en común as boas prácticas que se están a levar a cabo no acceso á vivenda así como identificar os grandes retos que aínda están pendentes de abordar para avanzar e mellorar as políticas a nivel municipal e autonómico neste senso.
O obxectivo de EAPN Galicia, que fixo público o contido do VIII Informe, é o de transmitir a necesidade de compromiso político e orzamentario das diferentes administracións, así como de asegurar a coordinación e colaboración entre as mesmas para que as políticas en materias de acceso á vivenda sexan efectivas. Especialmente entre a nova Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e a de Política Social e Igualdade. “Os concellos, como administración máis próxima a veciñanza, non podemos ser alleos á problemática da vivenda. É o noso deber actuar na medida das nosas posibilidades”, apuntou o rexedor amesán.
Nesta colaboración anteriormente mencionada é na que está a traballar o Concello de Ames para así garantir o acceso á vivenda para os veciños e veciñas. “A acción do Goberno local nesta materia está sendo intensa e podemos dividila en varias liñas”, explicou o alcalde. “Temos, por unha banda, a compoñente máis social representada coas 68 vivendas baleiras convidas cunha entidade bancaria e, por outra banda, estamos a piques de asinar un protocolo co IGVS para a construción de máis de 100 vivendas de protección no Milladoiro”.
Vivendas baleiras
O Concello de Ames, no marco do convenio asinado por FEGAMP e IGVS para o desenvolvemento de vivendas baleiras no ámbito do Plan Galego de rehabilitación, alugueiro e mellora do acceso á vivenda 2015-2020, agora Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, acordou a cesión de 68 vivendas baleiras pertencentes a unha entidade bancaria para a posta a disposición das familias de Ames que o necesiten.
O programa derivado do Pacto da vivenda de Galicia 2021-2025, de mobilización de vivendas baleiras permitiu que o Concello de Ames incorporase esas 68 vivendas para un alugueiro social comprendido entre 207 e 285 euros ao mes, cunha duración do contrato dun ano con prórroga obrigatoria ata un máximo de 7 anos. A propiedade conta tamén con dúas pólizas de seguros financiadas polo IGVS que garanten impagos, defensa xurídica e responsabilidade civil. Por outra banda o propietario dos inmobles, a entidade bancaria, terá unha bonificación de ata o 50 % do IBI nas propiedades cedidas ao programa de vivendas baleiras.
O requisito mínimo para poder ser beneficiario destas vivendas é o de contar con recursos económicos limitados, comprendidos entre o 0,7 e o 2,5 do IPREM e a adxudicación das propiedades realízase por prioridades dos colectivos vulnerables aos que pertenza cada unidade familiar: execucións hipotecarias, desaloxo por impago de renda, familias numerosas, familias monoparentais, familias con menores a cargo, diversidade funcional, vítimas de violencia de xénero... Por outra banda as características do inmobles adxudicados tamén serán adaptadas ao tipo de unidade familiar, priorizando os baixos para persoas con mobilidade reducida e os pisos de maior número de habitacións a familias con maior número de integrantes.
Das 68 vivendas baleiras foron adxudicadas un total de 32 e 14 están á espera de resolver erros de concordancia no catastro.
Silleda e Curtis acompañaron a Ames na mesa
Nesta mesa do Seminario, Silleda expuxo a súa oficina de vivenda para a tramitación e acceso á información de axudas en materia de vivenda. Estas actuacións coordínanse co servizo de Benestar Social para achegara estas axudas a familias en situación de vulnerabilidade. Por outra banda, Curtis falou da rehabilitación de vivendas en colaboración coa Xunta de Galicia para destinalas a alugueiro social.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Avanza el convenio para construir más de 100 pisos protegidos en Milladoiro"