Pestanas principais

Ames expón o seu modelo de planificación de políticas públicas no Máster en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC

Domingo, 03 de novembro de 2024

O alcalde de Ames, Blas García, vén de participar nunha das clases do Máster Universitario en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras da USC, xunto ao equipo técnico municipal encargado de tramitar e xestionar a Axenda Urbana 2030 e os fondos europeos.

García destacou a importancia de contar cunha axenda urbana cuns obxectivos ben definidos e consensuados por grupos políticos, veciñanza e persoal municipal: “A axenda urbana é o documento estratéxico máis importante que ten un concello, debe ser consensuada por toda a corporación e pola veciñanza e trascender ao goberno de turno. As administracións teñen que adaptarse ás necesidades da cidadanía por eso a axenda urbana non ten período de vixencia. É un documento vivo”. O alcalde tamén advertiu de que este non é un documento que sirva como mero trámite para acceder a financiamento, pois “a axenda urbana non ten ningún sentido se non pode ser executada”.

O proceso de creación da Axenda Urbana 2030 de Ames contou coa participación de todos os sectores da veciñanza de Ames, canalizados a través de reunións sectoriais, reunións interdepartamentais co persoal municipal e achegas dos grupos políticos. Dous grandes foros en Bertamiráns e Milladoiro que agruparon a todos os actores antes mencionados pecharon este procesos participativo. O documento resultante foi presentado ante a veciñanza, tecido asociativo e representantes de Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Goberno de España.

O rexedor explicoulle á clase tamén a importancia de captar fondos e a necesidade de contar con proxectos actualizados, ben definidos e ben pensados para poder implicar a outras administracións neles. “Ames é un concello de servizos, factor que, unido a nosa proximidade con Santiago de Compostela, fixo que medráramos moito en moi pouco tempo. O feito de adicar tantos recursos á prestación de servizos de calidade fai que teñamos que colaborar con todas ás administracións e buscar todas as vías de financiamento”.

Finalmente explicáronse as liñas básicas ou obxectivos prioritarios que se detectaron a medio prazo no municipio, entendendo que Ames ten unhas particularidades ou características que non teñen outros concellos, como 120 núcleos de poboación, dous núcleos urbanos, unha poboación cunha media de idade menor a 40 anos e saldo vexetativo positivo. Tendo en conta isto exponse que a vertebración do concello é prioritaria para eliminar as duplicidades de servizos e un transporte de calidade é fundamental para acadar este obxectivo.

Blas García no Máster de Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras