Pestanas principais

Ames homenaxea a figura de José Víctor Ónega Carrera

Martes, 27 de setembro de 2011

[27-09-2011] O Concello de Ames e o club de voleibol Bruxas realizaron o pasado sábado unha homenaxe a figura do mestre amiense José Víctor Ónega Carrera polo seu comprometido labor coa docencia e pola súa categoría de “fundador” deste deporte no municipio. Arredor de 200 persoas gozaron da experiencia de coñecer máis de preto a Ónega Carrera que destacou polo seu carácter dinámico e polo seu compromiso cos estudantes do IES de Ames. A homenaxe contou coa celebración dun partido de voleibol entre os equipos Club Vigo Voleibol e o EMEVE Lugo e coa entrega dunha placa conmemorativa do Concello e do club de voleibol bruxas a familia do homenaxeado. En representación do goberno municipal, participaron neste acto o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar.


En recordo ao recentemente falecido Ónega Carrera, o club voleibol Bruxas e o Concello de Ames realizaron unha homenaxe a esta importante figura amiense. O acto, no que participaron arredor de 200 persoas, contou coa celebración dun partido de voleibol entre o Club Vigo Voleibol e o EMEVE Lugo. O encontro saldouse coa vitoria do equipo vigués cun resultado a favor de 3 a 0. Os e as asistentes recordaron a José Víctor Ónega facendo un pequeno percorrido pola súa andaina profesional que tan importante resulta na fundación do club Bruxas de Ames.


O sábado ás 19:30 horas, celebrouse no pavillón deportivo de Bertamiráns a homenaxe á traxectoria de Ónega Carrera. Trátase dunha figura relevante na vida amiense que se dedicou en corpo e alma a docencia como mestre de educación física. Ónega foi unha persoa moi querida como o demostra a gran cantidade de persoas que asistiron á homenaxe, fomentou o desenvolvemento do voleibol no municipio e destacou pola súa preocupación por temas relacionados coa docencia deportiva. A súa dedicación e paixón pola educación fixo que publicase diversos libros como Habilidades básicas na secundaria obrigatoria e tamén artigos como "Integración do alumnado con necesidades educativas especiais" na Revista Galega de Ensino.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames homenaxea a figura de José Víctor Ónega Carrera"