Pestanas principais

Ames homenaxeou a Rosalía nunha gala na que houbo música, recitados, humor, dramatizacións e videocreacións

Luns, 02 de marzo de 2020

O Concello de Ames organizou o pasado venres, 28 de febreiro, un acto en homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do 183 aniversario do seu nacemento. Na gala, celebrada no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns, participuo parte do alumnado dos centros educativos de Ames e outras persoas do mundo da cultura e do ensino. Houbo lecturas, dramatizacións e videocreacións que xiraron ao redor da obra desta poetisa profundamente ligada ao concello. Ao final do acto, que contou coa actuación de MJ Pérez e Iván Bernárdez, os e as asistentes recibiron de agasallo unha rosa e lámina na que se reproducía unha páxina do Herbario de Rosalía de Castro realizado pola escritora escritora María López Sández e a bióloga Isabel Fraga.

MJ Pérez, unha das voces máis potentes do panorama actual da música galega foi a encargada de iniciar o acto organizado este pasado venres, 28 de febreiro, polo Concello de Ames para conmemorar o Día de Rosalía. A continuación, a xornalista de Ames Radio Nazaret López, encargada de conducir o evento, deu paso á concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, que dixo “dedicamos esta gala homenaxe a unha das mulleres máis importantes do noso país”.

“Dende o Concello estase traballando dende hai anos, en colaboración cos centros de ensino, para rescatar e socializar a figura de Rosalía como unha muller brava, loitadora, feminista e reivindicativa. Deste xeito, está presente nas nosas rúas, nos nosos comercios, nas prazas, nas conversas... en definitiva está presente na xente. O obxectivo é difundir a obra e pensamento rosaliano como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína dos galegos e galegas”, destacou Escarlata Pampín. Para finalizar, leu un parágrafo do prólogo de Cantares Gallegos.

A continuación, foi a quenda de Daniel Asorey, profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario e que foi a persoa escollida este 2020 pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para a creación do Manifesto Rosalía de Casto, un manifesto contra o medo e a intolerencia que pon o foco nunha Rosalía que había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas.

A presenza de Rosalía nos centros escolares
De seguido, pasouse a ver as videocreacións e escoitar as lecturas feitas polos rapaces e rapazas dos centros de ensino de Ames. Primeiro púidose ver o vídeo feito polo alumnado da EEI do Milladoiro chamado A estrela de Rosalía. Os nenos e nenas desta escola traballaron sobre a estrela HD 149143 que leva o nome de Rosalía de Castro e o seu exoplaneta, que foi denominado Río Sar.

Tras o visionado de dito vídeo, interviu o alumnado do CEP de Ventín. Gael Rodríguez López recitou Cantarte hei Galicia; Mencía Domínguez Iglesias leu Nasín cando as prantas nacen; Aicha Garba Nieto, Sara Moldes Domínguez e Marta Mayo Sobradelo recitaron Un repoludo gaiteiro; Erik Cadavid Rusenov e Alba Vidal Fernández leron Vamos bebendo; e Uxía e Candela Reyes Penas interpretaron coa súa voz e pandeiretas Has de cantar.

A continuación foi a quenda de Irene Enríquez, Martina Bretaña, Xiana Cambeiro, Clara Barral, Sara Iglesias, Nuria Lamas, Sara Antón e Uxía Riveiro, alumnas do IES do Milladoiro, que fixeron unha dramatización do poema D`a pobriña que está xorda. Despois participou o alumnado do CEIP Agro do Muíño; Sara Constenla leu Vente rapasa; Nerea Brión, Brais Miras e Eva Jiménez recitaron Turra, turra Xan, pola burra!; e as irmáns Kiara e Noa de Blas Sánchez cantaron Tecín soia a miña tea.

Outros dos vídeos proxectados nesta Gala de Rosalía foi o feito polo alumnado de sexto de educación primaria do CEIP da Maía no que fixeron unha dramatización sobre Rosalía. Os/as seguintes en subir ao escenario foron os alumnos/as da IES de Bertamiráns: Natalia Paz e Juan Cañizo recitaron Xa cantan os galos; Lorena Viñas recitou Soia!; e Nayra Prado e Fernando Ferrer recitaron o poema Xan.

Negra sombra en inglés, italiano, portugués e galego
Por outra banda, os rapaces e rapazas do CEIP de Barouta participaron na Gala cun programa emitido, a través da iniciativa de Radio Barouta, sobre Rosalía de Castro. Tamén participou parte do alumnado do obradoiro de lingua e cultura, que organiza o Concello de Ames. Neste caso Danilo Capp, Adolfo Alberto Dorta, Lucila Rondón e Maite Gancedo leron o poema Negra sombra en varios idiomas (inglés, italiano, portugués e galego).

A presidenta do FC Meigas, Paola Vignolo, e unha das rapazas deste club, Esther Balsa, recitaron o poema Anque nacese xordo. Seguiron Mara Barral, profesora no CEP de Ventín, que interpretou A xustiza pola man; María López Sández, que falou do Herbario; e Federico Pérez que fixo un monólogo sobre diversos elementos rosalianos.

O final da gala, ao igual que o comezo, marcouno a actuación da artista MJ Pérez, que xunto a Iván Bernárdez, interpretou varias das pezas dos seus tres discos: un auto-editado (Ollos que non ven, síntoma de cegueira) e dous auto-producidos (Guerrilleira e Casandra). Nuns días presentará o seu último disco A luz prendida. En febreiro de 2019, MJ fixo viral o seu tema Malaxente, unha particular versión do poema Castellanos de Castilla premiada na última edición dos premios Youtubeir@s.

Imaxe da Gala de Rosalía de Castro

Multimedia

  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro
  • Imaxe da Gala de Rosalía de Castro