[15-12-2018] O Concello de Ames acaba de poñer en marcha un novo sistema de control e acceso do persoal, así como un novo Portal do Empregado para a xestión de tempos e permisos. Durante o mes de decembro todo o persoal do Concello comezará a manexar a nova aplicación a modo de probas, de cara a poñer sobre a mesa os posibles problemas que poida ter o novo sistema. O obxectivo é poder estar utilizando xa ao 100% o novo sistema coa entrada do novo ano. Os novos terminais de lectura funcionan coa tarxeta de empregado público, de xeito que o servizo de mantemento dos dispositivos será mais sinxelo e eficaz. Esta tarxeta na actualidade xa se está a utilizar para a sinatura dixital dos documentos da Administración electrónica.
Con esta nova aplicación búscase mellorar a xestión do persoal, ao tempo que se rexistra a presenza das empregadas e empregados municipais nos seus postos de traballo. O sistema, que ofrece novas funcionalidades con respecto ás existentes no anterior, baséase nunha aplicación web a través da cal se poden xestionar e visualizar os datos do programa de presencia, ademais de mellorar as posibilidades de toma de datos e control directo polo/a usuario/a dos horarios e permisos. O contrato foi adxudicado á empresa Sistemas de Seguridade A1 S.L. por un importe de 34.680,71 euros, despois do proceso de licitación aberta ao que foi sometido.
Esta semana o alcalde, José Miñones, e o responsable da empresa Sistemas de Seguridade A1 S.L., Manuel Rial Amado, asinaron a acta de recepción do contrato de subministro e instalación dun sistema de control de acceso e presenza mediante lector de tarxeta de proximidade para o Concello de Ames. Dito contrato establece un prazo de garantía de 12 meses dende a sinatura da acta de recepción.
O novo sistema está instalado en todas as dependencias municipais principais e cada lector está conectado a unha unidade de control que xestionará os fichaxes do persoal. A diferencia do sistema anterior instalado no ano 2010, nesta ocasión os terminais de lectura funcionan coa tarxeta de empregado público, de xeito que o servizo de mantemento dos dispositivos será mais sinxelo e eficaz. Esta tarxeta na actualidade xa se está a utilizar para a sinatura dixital dos documentos da Administración electrónica.
A plataforma instalada permite ás empregadas e empregados visualizar de maneira sinxela as horas traballadas, os fichaxes, as vacacións, o número de horas extras realizadas... Así mesmo, a nova plataforma tamén permite executar, entre outras, tarefas vinculadas á solicitude de vacacións ou permisos, así como visualizacións do calendario laboral; todo a través do Portal do Empregado, ao que se pode acceder desde o explorador da Internet, tanto do teléfono móbil como do ordenador.
Informes de presencia
Ademais, o software contará cun potente construtor de informes de presencia, para que todo o persoal poda levar un maior control da súa actividade. Desta maneira, a aplicación será capaz de cruzar diferentes datos dando lugar a informes que, posteriormente, se poderán imprimir e exportar en distintos formatos.
A modernización que con esta nova plataforma vaise acadar irá paralela á licitación da Administración electrónica, que acaba de aprobarse en licitación, e á implantación de numerosas melloras de equipamento informático e de software, co obxectivo de axilizar os trámites. Ademais, o goberno municipal pretende que a implantación desta plataforma permita liberar da sobrecarga de traballo do departamento de Recursos Humanos e así axilizar outros procedementos como a creación de bolsas de traballo ou de procesos selectivos, entre outros.
O alcalde e concelleiro de modernización salienta que “mellorar a xestión do persoal e modernizar a Administración, son dous dos obxectivos que desde o goberno se priorizan no día a día para acadar con elo, unha Administración para o cidadán mais áxil e eficaz”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Los empleados públicos de Ames cambian de sistema para fichar"