Pestanas principais

Ames inviste en vías públicas e instalacións educativa e deportivas preto de 400.000 euros

Mércores, 30 de xullo de 2014

[30-07-2014] O Concello de Ames desenvolveu ao longo do primeiro semestre deste ano varias obras nas que se investiron preto de 400.000 euros. Algunhas das principais actuacións que se realizaron foron as obras de mellora en centros educativos e comedores escolares por importe de 66.000 euros; os traballos de mellora en tres camiños situados no Milladoiro, Castiñeiro de Lobo e Covas, que contaron cun orzamento de 53.500 euros; o acondicionamento das beirarrúas en Bertamiráns no que se investiron 23.000 euros; a construción de novas instalacións deportivas e a reforma das existentes, que tiveron un custo de 109.000 euros; e a obra de substitución do colector de saneamento situado na rúa Alcalde Lorenzo, que está sendo executada nestes momentos, e ten un custo de 120.000 euros. Ademais, están en fase de adxudicación os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación 2014 e as obras que se sufragarán con cargo ao POS complementario de 2013.

Substitución do colector de saneamento de Alcalde Lorenzo
Unhas das obras máis importantes, que se está executando nestes momentos, son os traballos de substitución do colector de saneamento situado na rúa Alcalde Lorenzo, de Bertamiráns. Esta obra, que está financiada pola Deputación da Coruña, foi adxudicada á empresa Espina & Delfín SL por un importe de 120.000 euros. O colector será reposto en 408 metros que comprenden as rúas Alcalde Lorenzo, Avenida da Maía e o enlace das mesmas. Trátase dunha importante obra para a localidade de Bertamiráns debido ao mal estado no que se atopa este colector.

Por outra banda, o Concello de Ames acondicionou as beirarrúas do núcleo urbano de Bertamiráns. Os traballos de arranxo das baldosas das beirarrúas executáronse en catro fases diferentes. Estas actuacións permitiron acondicionar as beirarrúas de toda a avenida da Maía, da avenida da Peregrina e doutras rúas como a do Pedregal, Poeta da Maía, Fieira, Xesteira, Entrerríos, Pesqueira, Alcalde Lorenzo, Agrelo, etc. A través destas obras afianzáronse as baldosas que estaban soltas e cambiáronse as que estaban rotas por outras novas en practicamente todas as beirarrúas de Bertamiráns. En total, o Concello de Ames investiu uns 23.000 euros en acometer estes traballos en 14 rúas diferentes do núcleo urbano.

Actuacións en instalacións deportivas
Outras actuacións de vital importancia foron a construción de novas instalacións deportivas, así como a reforma e acondicionamento das existentes. Deste xeito, na construcións duns novos vestiarios no pavillón polideportivo de Bertamiráns investíronse 45.000 euros, mentres que na actuación que se realizou no entorno do campo de fútbol de Bertamiráns gastáronse uns 58.000 euros. Por último, realizáronse varios arranxos no pavillón polideportivo do Milladoiro, debido aos danos causados polos temporais do inverno, por valor de 6.000 euros.

Asfaltado de camiños e obras en Ponte Lapido
O Concello de Ames acometeu varias obras de asfaltado de camiños municipais. Deste xeito, realizouse o asfaltado dun camiño que está situado no lugar de A Igrexa, pertencente á parroquia de Covas. Os traballos de asfaltado executáronse nun tramo de estrada que conta cunhas dimensións de 75 metros cadrados (450 metros de lonxitude e 3,50 metros de ancho). Para executar este plan de mantemento dos camiños municipais o goberno municipal asinou un convenio coa Deputación da Coruña onde se inclúe o arranxo de oito vías municipais pertencentes ás parroquias de Ortoño, Bugallido, Biduído e Covas.

Ademais, realizáronse obras de asfaltado en varios puntos da localidade do Milladoiro. Concretamente estes traballos executáronse na rúas da Moa, dos Cereixos e do Agro da Madalena. Estas reparacións estaban incluídas nun plan municipal de arranxo e acondicionamento das estradas municipais.

Tamén se desenvolveron varios traballos de acondicionamento na ponte de pedra que cruza o río Sar no lugar de Lapido, na parroquia de Ortoño. Os traballos consistiron na colocación e asentamento de 44 pezas de pedra da ponte, que foron desprazadas pola acción da auga nos últimos temporais. O obxectivo destas obras foi dotar á ponte dunha solución que perdure no tempo e que impida que as augas volvan a causar desperfectos nas pedras. Asemade, varios operarios de Augas de Galicia retiraron a madeira apilada no entorno desta ponte debido ás consecuencias da subida do nivel do río e dos temporais.


Adxudicación dos proxecto do POS 2014
Ademais, están en fase de adxudicación os proxectos incluídos no Plan de Obras e Servizos da Deputación 2014 e as obras que se sufragarán con cargo ao POS complementario de 2013.

No POS 2014 están incluídos catro proxectos que son a obra de asfaltado e acceso ao aparcamento do campo de fútbol do Milladoiro; a mellora da seguridade peonil e asfaltado no acceso ao Colexio Alca; a reparación de beirarrúas e a mellora do firme na calzada da rúa Xaquín Lorenzo e a intervención nas travesías do Pedregal e de Lodeiro. Por outra banda, executarase a pavimentación da rúa Foltandeiro-Cantalarrana; a reparación da estrada da Ameixenda; a reparación da senda peonil que vai dende Tras do río ata o CEIP Agro do Muíño; e a reparación da senda peonil que vai dende o lugar de Casanova ata Raíces. Nestes catro proxectos investiranse 322.096 euros.

Mentres que a través do POS complementario 2013 executaranse diferentes obras de reparación e adecuación de tres parques infantís do municipio nas que se investirán un total de 70.082 euros. Estes traballos estaban contemplados no Plan de Obras e Servizos complementario da Deputación correspondente a 2013 e, grazas aos aforros conseguidos nas restantes licitacións, poderán acometerse agora.


O Concello de Ames, a través do programa de mellora de camiños de titularidade municipal 2013-2014, executou tres obras na localidade do Milladoiro, e nas parroquias de Ames e de Covas. Este plan recolleu tres actuacións no termo municipal de Ames. A primeira actuación realizouse nun camiño que se atopa detrás da Escola infantil As Figueiras e do cuartel da Garda Civil do Milladoiro e que remata no límite do concello con Vilar de Calo, que xa pertence ao concello veciño de Teo. A través desta obra mellorouse a capa de rodaxe do devandito camiño. Coa execución desta obra o concello de Ames dispón dun novo viario, que conecta os municipios de Ames e Teo.

Outras actuacións que se executaron dentro deste programa foi a obra de arranxo dun camiño que vai dende Castiñeiro de Lobo ata Os Laranxos, na parroquia de Ames. A terceira e última actuación incluída neste proxecto realizouse nun camiño que vai dende o lugar de Capeáns ata Pousada, na parroquia de Covas. Nestas tres obras investíronse un total de 53.509,83 euros (incluído o IVE).

Outra actuación importante realizouse nos centros de ensino amienses nos que se investiu unha partida de 66.039 euros. O Concello de Ames asinou dous convenio coa Deputación Provincial da Coruña para realizar obras nos colexios e nos comedores do Concello de Ames, así como para executar obras de mantemento na escola infantil municipal do Bosque. Os traballos de mantemento dos colexios e dos comedores tiveron un custo de 50.476 euros, mentres que nas obras de mantemento da escola infantil O Bosque investíronse 15.563 euros. A Deputación da Coruña sufragou o 80% do custo destas obras, mentres que o Concello de Ames achegou o 20% restante.

Deste xeito, executáronse varios traballos nos colexios de Barouta, A Maía e Agro do Muíño; nas escolas unitaria de Bugallido, A Tarroeira e Agrón; nos comedores do CEIP da Maía e do CEIP Agro do Muíño; e na escola infantil municipal do Bosque. Moitas das obras executadas estiveron dirixidas a mellorar a seguridade dos alumnos/as máis pequenos coa instalacións de elementos de seguridade como pasamáns nas escaleiras interiores dos centros.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello amiense cifra en 400.000 euros la inversión ejecutada durante este año"
El Correo Gallego: "Ames investiu en obras preto de 400.000 euros"