[08-10-2016] O goberno municipal de Ames, aprobou na Xunta de Goberno Local do pasado 29 de setembro a licitación do Servizo de Tesourería e Recadación das Taxas polos Servizos públicos de abastecemento, saneamento, depuración e residuos sólidos urbanos que será a través dun procedemento negociado. Este procedemento está motivado e vinculado ao novo sistema de recadación de taxas previsto na licitación en curso do Ciclo Integral da Auga.
O Concello de Ames invitou a todas as entidades financeiras con oficina no termo municipal (Abanca, Banco Pastor, Banco Sabadell, Banco Santander, BBVA, La Caixa -actual Caixabank-) a participar neste procedemento que ten por obxecto licitar o servizo de tesourería e recadación das taxas dos servizos antes indicados.
Este procedemento está motivado e vinculado ao novo sistema de recadación de taxas previsto na licitación en curso do Ciclo Integral da Auga na que o Concello de Ames emitirá os recibos a través da concesionaria e os ingresos se realizarán nunha conta de titularidade municipal.
As invitacións para participar no proceso foron entregadas nas entidades bancarias o pasado luns, 3 de outubro, e o prazo para presentar proposicións é de 15 días naturais.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, como responsable do departamento de Contratación manifesta que “con este cambio proposto na nova licitación do Ciclo Integral da Auga, o que pretende o goberno é ter información detallada deste servizo que é un dos máis importantes do Concello. Coñecer en todo momento os gastos que supón para as arcas municipais e os ingresos obtidos por este servizo, non tendo que acudir ao concesionario para obter esa información porque disporemos dela de xeito inmediato”.
Toda a información relativa ao procedemento de licitación (pregos de cláusulas administrativas particulares e técnicas) está publicada no perfil do contratante do Concello de Ames en Anuncios información previa.