- Tematica
Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, que se celebra este mércores, 28 de xuño, o concello de Ames luce xa a bandeira do arco de vella nos monólitos de acceso ás vilas de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta homenaxe irá acompañada dunha serie de actos e actividades que se celebrarán ao longo da xornada de mañá, co fin de mostrar o pulo do Concello pola igualdade e a non discriminación.
Dende este luns, 26 de xuño, o concello de Ames volve lucir un ano máis as cores da bandeira do arco da vella, como mostra do compromiso do Concello a prol da igualdade e da visibilización do colectivo LGBTIQ+. Deste xeito, búscase xerar sensibilidade polas realidades destas persoas, e mostrar que Ames é un espazo de tolerancia cero ante a discriminación e as agresións LGBTIfobas.
Así, os monólitos de acceso ao termo municipal, situados nas inmediacións de Bertamiráns e do Milladoiro, vístense coa bandeira LGBTI+ e a inscrición “Ames a quen Ames, faino con orgullo”.
Ademais, nesta ocasión, escolleuse o lema “Só importa que Ames” para reivindicar o Día Internacional do Orgullo. Para plasmar o eslogan, o Concello empregou liñas de puntos similares ás utilizadas nos cadernos de escritura, simbolizando o avance da aceptación do movemento LGBTIQ+ entre a sociedade, e a importancia da aprendizaxe dos valores da tolerancia e o respecto.
Lectura do manifesto e actividades
Por outro lado, a Concellaría de Igualdade prepara o tradicional manifesto, que se lerá na escalinata da Casa do Concello de Bertamiráns ás 12:00 horas deste mércores, día 28. Xa en horario de tarde, O Milladoiro acollerá distintas iniciativas para a cativada e para os adultos. Será no Paseo da Igualdade (no aparcadoiro da Casa da Cultura). Entre as 18:00 e as 20:00 haberá actividades para nenos e nenas. Entre as 20:00 e as 23:00 horas actuará o DJ WANA.
Tendo en conta a programación, quedará prohibido o estacionamento no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro este mércores 28, en horario de 16:00 a 00:00 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o bando informativo.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames conmemora el día internacional del orgullo LGBTIQ+"
Lindeiros: "Ames conmemora o Día do Orgullo LGBTIQ+"