[26-08-2011] O concello de Ames dispón de dúas áreas de servizo para aquelas persoas que viaxan en autocaravanas, unha situada no Milladoiro e a outra en Bertamiráns. Durante os meses de verán, este tipo de turismo experimenta un crecemento considerable en canto á utilización destes emprazamentos. Cunha media de 10 autocaravanas por día, viaxantes de Portugal, España, Dinamarca, Italia, Francia e outros países europeos achéganse a Ames para descansar e pasar a noite antes de chegar a capital galega, Santiago de Compostela. Estas áreas son un punto perfecto para coller forzas e continuar coa viaxe na procura de descubrir Galicia. Durante algunhas fins de semana, na área do Milladoiro, chéganse a xuntar arredor de 25 autocaravanas.
As localidades do Milladoiro e Bertamiráns dispoñen de dúas áreas de servizo para autocaravanas onde os viaxantes poden pasar a noite, estacionar, cargar os depósitos de auga e baleirar os tanques de augas residuais. Ademais, os peregrinos que fan o Camiño Portugués poden selar as súas tarxetas de peregrinación no establecemento hostaleiro que se atopa fronte á area do Milladoiro.
O concello de Ames é o único termo municipal en Galicia que dispón de dúas áreas públicas e gratuítas dedicadas ás autocaravanas. Estas áreas son unha clara referencia para todos os turistas que empregan a autocaravana para visitar Santiago de Compostela e a súa comarca, xa que Ames é o único concello da contorna que posúe este tipo de servizo.
Este servizo comezou a prestarse hai sete anos. Ames foi o primeiro municipio da provincia da Coruña e o segundo de Galicia en habilitar unha zona onde os autocaravanistas poden cargar o depósito de auga, baleirar as augas residuais, estacionar e incluso pasar a noite comodamente.
Novo punto de información turística
Debido a maior afluencia de autocaravanas na área do Milladoiro e peregrinos que fan a ruta portuguesa, o goberno municipal está barallando a opción de establecer un novo punto de información turística na Casa da Cultura desta localidade, para dar a coñecer os diversos atractivos turísticos do termo municipal amiense. A través deste punto de información turística preténdese que Ames non só sexa un lugar de paso se non que os autocavanistas pasen uns días no noso concello e visiten os principais puntos turísticos de Ames. Ademais, os peregrinos poderían selar a compostelana neste punto de información turística.
O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, destaca a importancia destes emprazamentos en Ames posto que o turismo de autocaravanas é un forma de viaxar que favorece positivamente á economía local xa que grazas, sobre todo, ao Camiño Portugués, o concello amiense convértese en punto de referencia e escala para os peregrinos que proveñen de todas as partes do mundo.
Sinalización das autocaravanas
A sinalización das autocaravanas está colocada en tres puntos do Milladoiro e noutros dous en Bertamiráns. Ademais, nas áreas dedicadas ás autocaravanas hai colocados uns paneis informativos en cada unha das áreas. Estes paneis conteñen por unha das caras o plano das rúas (nuns casos o rueiro de Bertamiráns e noutros o do Milladoiro). Deste xeito proporcionase información detallada das rúas e prazas dos principais núcleos poboacionais de Ames, así como dos principais servizos de interese para aqueles turistas que se desprazan neste tipo de vehículos.
O outro lado do panel contén a reprodución do mapa de recursos turísticos do concello, onde se reflicten as principais vías de comunicación, así como os principais elementos de interese e recursos turísticos de Ames como son as rutas de sendeirismo, os camiños de Santiago que pasan polo termo municipal amiense, os conxuntos parroquiais, a praia fluvial de Tapia, etc. Para a sinalización destes puntos empregáronse elementos de simboloxía común, así como a utilización dos idiomas galego e inglés, polo gran número de autocaravanas procedentes de países europeos, que se ten comprobado que empregan este servizo.
Unha viaxe sobre rodas
Dende a posta en marcha destas áreas de servizo en Ames, o uso destes emprazamentos non deixa de medrar como consecuencia, en boa medida, do Camiño de Santiago. Turistas procedentes de diversos puntos do mundo como Francia, Dinamarca, EEUU, Italia e tamén os españois son os principais usuarios/as deste servizo que ofrece o Concello de Ames. Moitos son os autocaravanistas que escollen Milladoiro e Bertamiráns para descansar tras varios quilómetros viaxando coas súas particulares casas de vacacións sobre rodas.
Este é o caso de Begoña e José Luís, un matrimonio de mediana idade procedente de Santander. Un mes antes de iniciar a súa viaxe cara Galicia, mercaron unha autocaravana para poder viaxar cos seus cans xa que é "a mellor forma de viaxar e a máis doada" para levar as súas mascotas. A súa intención é coñecer os lugares turísticos por excelencia da comunidade galega como Santiago de Compostela coa finalidade de rematar a súa viaxe en Portugal. Trátase da primeira experiencia da parella en autocaravana e atoparon a área de servizo de autocaravanas na Internet. Destacan do lugar a amabilidade dos amienses posto que unha veciña os acompañou ao lugar onde se atopa o emprazamento e tamén o bo servizo e a ampla e tranquila zona de aparcadoiro que favorece o perfecto descanso. Ademais, estes cántabros sinalan que se atopan moi contentos por emprender a súa aventura en autocaravana posto que lles permite ver mellor a paisaxe e ir coñecendo lugares que, as veces, o GPS non pode atopar.
Precisamente este aparato tecnolóxico, o GPS, foi o método empregado por catro mozos de Cataluña para atopar a área de servizo de autocaravanas do Milladoiro. Fixeron esta viaxe para descubrir Galicia e, arestora, diríxense a Santiago de Compostela, visita obrigada do turismo galego. Con idades comprendidas entre os 26 e os 28 anos, percorren a comunidade galega coa casa ás costas. Jordi, Miriam, Ángel e Manuel, son catro amigos que ven neste tipo de turismo itinerante unha forma de viaxar "máis barata e máis cómoda".
A realización destas áreas de servizo responde a maior presenza turística das autocaravanas no panorama español. Por iso, dende hai uns anos faise necesaria a presenza destes emprazamentos onde os turistas dispoñen de maiores comodidades para gozar das súas vacacións en autocaravana. Estas instalacións atópanse sinalizadas en diversos puntos das autoestradas próximas a Santiago de Compostela e aparecen recollidas nas guías turísticas polo que os viaxantes poden encontralas con relativa facilidade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames proyecta una oficina de turismo en la Casa da Cultura do Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames se perfila como lugar idóneo para autocaravanistas"