[04-01-2014] Este sábado pola tarde houbo gran ambiente no campo municipal de fútbol de Bertamiráns con motivo da celebración do II Partido benéfico de fútbol "Marquémoslle un gol ao cancro". O Milladoiro SD e o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organizaron un ano máis esta iniciativa a través da cal se recadaron fondos para a Asociación Española contra o cancro. Actores, deportistas profesionais, xornalistas, músicos e políticos uníronse por unha boa causa e disputaron un partido amistoso de fútbol. O alcalde de Ames , Santiago Amor, tamén participou nesta iniciativa solidaria. Ademais, a modelo santiaguesa Zulema Vázquez Rey exerceu de madriña do partido. Ao final do evento a concelleira de Deportes, María Eugenía Martín, entregoulle os fondos recadados a Luz María Hernández, presidenta en Santiago de Compostela da Asociación Española contra o cancro.
Este sábado pola tarde celebrouse no campo de fútbol municipal de Bertamiráns o II Partido benéfico de fútbol. Este ano o lema desta iniciativa foi Marquémoslle un gol ao cancro. Os organizados deste evento foron o Milladoiro SD e o Bertamiráns FC, que contaron coa colaboración do Concello de Ames. Para asistir a este espectáculo había que mercar un lazo verde polo módico prezo dun euro. Ao final do partido a concelleira de Deportes, María Eugenía Martín, entregoulle os fondos recadados a Luz María Hernández, presidenta en Santiago de Compostela da Asociación Española contra o cancro.
Este partido solidario contou cun gran elenco de actores, deportistas profesionais, xornalistas, músicos, políticos, etc. Deste xeito, algúns dos famosos galegos que asistiron a esta iniciativa solidaria foron Juan Cabrejo, ex-xogador do Compostela, Eibar ou Elche, entre outros clubs; Federico Pérez, actor galego; Joaquín Dosil, psicólogo deportivo; Josito Porto, actor galego; Terio Carrera, xornalista deportivo; Xosé Barato, actor e presentador; Gabriel Peso, músico; e Borja Golán, xogador amiense de squash que actualmente é o número 7 do mundo e que foi galardoado na Gala do deporte do Concello de Ames co premio de mellor deportista amiense de 2013.
Tamén participaron os ex-xogadores do Autos Lobelle de Fútbol Sala, Manu Barral e Toni Lodeiro, campións da Copa de España en 2006. Outros participantes foron Luís Penido, piloto de rallys; Pedro Nimo, atleta profesional e actual gañador da 9ª Behobia-San Sebastián; Xosé Antonio Touriñán, presentador, humorista e actor; Javier Macía, responsable do Centro dental Macía, Carlos Cornes, xogador de squash; e Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC. Tamén participou o alcalde de Ames, Santiago Amor, xunto a outros concelleiros da corporación municipal amiense.
Ao final do partido de famosos sorteáronse unha cesta de Nadal, doada polo pub Albaroque, un teléfono móbil, doado por Electrónica Angueira, e dúas sesións de spa, doadas polo Centro Dental Macía. Previamente a este espectáculo, disputouse outro partido de fútbol no que xogaron varios adestradores do Milladoiro SD e do Bertamiráns FC contra un equipo formado por peritos de automóbiles de toda Galicia, que tamén colaboraron nesta iniciativa.