- Tematica
O pasado 23 de decembro saíron publicados no BOE as cifras oficiais de demografía por provincias e mailos datos por municipios aprobadas polo INE con data do 1 de xaneiro de 2023. Deste xeito, a poboación do concello de Ames sitúase nos 32.482 habitantes (16.865 mulleres e 15.617 homes). Respecto do 1 de xaneiro de 2022 a poboación en Ames medrou en 387 habitantes. Ademais, durante o exercicio 2022 contabilizáronse 218 nacementos e 208 defuncións.
O alcalde de Ames, Blas García, móstrase satisfeito, aínda que este dato sería mellor se “todos os concellos galegos concordaran coa suba”. O rexedor loou o traballo desta e de anteriores Corporacións pois grazas ao traballo de toda esa xente “Ames é o lugar perfecto para establecer un proxecto de vida”.
Ao longo do exercicio 2022 a poboación no concello de Ames continuou incrementándose sumando 387 novos habitantes. Segundo os datos aprobados polo INE, a 1 de xaneiro de 2023 a poboación do concello de Ames sitúase en 32.482 habitantes, dos cales 16.865 son mulleres e 15.617 son homes. A maior parte destas persoas están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo da mocidade, garantindo así o futuro demográfico do concello.
Tendo en conta os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE), o concello de Ames contaba a 1 de xaneiro de 2022 cun total de 32.095 habitantes (16.644 mulleres e 15.451 homes), o que supón que se sumou 387 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a súa poboación e incrementa o censo municipal mantendo a tendencia das últimas dúas décadas.
Ademais, durante o exercicio 2022 contabilizáronse 218 nacementos e 208 defuncións. En 2021 houbo 212 nacementos e 185 defuncións. Dese xeito, respecto do exercicio 2021, en 2022 incrementouse o número de nacementos en 6 nenos/as e tamén aumentou o número de defuncións en 23 persoas.
Paridade en canto a sexos
Con todos os datos enriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, apenas existen dous puntos de diferenza entre mulleres e homes. Hai 16.865 mulleres, que representan o 51,93% da poboación, mentres que eles son 15.617 e representan o 48,07%.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres), o que supón que a 1 de xaneiro de 2023 practicamente duplicase a poboación. En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes (14.170 homes e 15.161 mulleres), polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). A 1 de xaneiro de 2021 o INE indica que Ames quedaba a 7 habitantes dos 32.000, sumando un total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres).
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames incrementa de nuevo su población y sitúa el censo oficial en 32.482 habitantes"
Ames Go: "Ames achégase aos 33.000 habitantes"