- Tematica
65 concellos galegos, entre eles o de Ames, participan nesta nova edición do “Proxecto Rios”, unha acción de limpeza simultánea dos leitos fluviais, proposta pola Asociación Adega, que pretende concienciar á cidadanía sobre o estado dos ríos e a necesidade de contribuír ao seu coidado. Os voluntarios/as que desexen participar deben acudir o domingo, 26 de setembro, ás 10:30 horas á praza do Concello onde se establece o punto de encontro. Dependendo do número de voluntarios/as que se apunten, actuarase en distintos tramos dos ríos que pasan polo territorio municipal. Co obxectivo de facilitar aos/ás asistentes un seguro, os interesados/as deben enviar un e-mail a auladanatureza@concellodeames.gal, indicando o nome completo e o D.N.I. Os participantes deberán levar máscara, luvas e respectar as medidas hixiénico sanitarias que ditamina a loita contra a COVID19.
A concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza de Ames organiza esta xornada. As persoas previamente anotadas reuniranse o domingo as 10:30 na praza do concello onde se lles asignará un tramo de rio a cada grupo de cinco ou seis voluntarios. A Está previsto que a limpeza dure dúas horas. Ás 13:00, os/as participantes reuniranse de novo na praza do concello para avaliar o tipo de lixo recollido e facer unha estimación dos quilos de refugallos retirados.
Unha vez finalizada a actividade, a Aula da Natureza será a encargada de enviar a ADEGA os datos cos nomes dos ríos no que se actuou, o número de voluntarios/as participantes e a estimación dos quilos de lixo retirado. Tamén se enviarán fotografías da recollida.
Recoméndase aos voluntarios/as levar luvas, paus cun pincho para coller o lixo, botas de auga e bolsas grandes ou sacos para recoller os refugallos. O concello conta con parte dese material que tamén pode ser solicitado polas persoas que participen.
Medidas de seguridade
Tamén a través da Aula da Natureza indícanse unha serie de normas de seguridade que se deben seguir para non mancarse á hora de recoller o lixo. Non arriscar a integridade física achegándose a zonas perigosas ou pouco accesibles, levantar os pesos dobrando sempre os xeonllos, pedir axuda aos compañeiros/as para recoller cousas pesadas, ter moita precaución á hora de retirar cristais, vidro, ferralla ou calquera outro material cortante, chamar ao concello para que retire o lixo máis problemático, non traballar de costas ao río e prestar especial atención ás zonas de corrente fortes e profundas son algunhas ds recomendacións.
O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, considera de vital importancia a participación de Ames nesta acción e convida á veciñanza do concello a sumarse a esta acción: “É absolutamente necesario que sexamos conscientes do estado no que se atopan os nosos ríos e ningunha forma mellor de decatármonos que ir limpalos; accións coma estas son necesarias para concienciarnos da necesidade de coidar as nosas augas”.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellor.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Convocan a voluntarios que desexen retirar lixo ao abeiro da limpeza fluvial que impulsa Adega o vindeiro domingo"
Revista AmesGo: "Limpeza de ríos este domingo en Ames"