Pestanas principais

Ames participa nun simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para o núcleo urbano de Aldea Nova

Xoves, 19 de maio de 2022

Esta mañá realizouse nos concellos de Santiago de Compostela e de Ames un simulacro de emerxencia por incendio forestal, no cal se activou o Plan especial de protección civil ante emerxencias por incendios forestais na comunidade autónoma de Galicia (PEIFOGA) en situación 1 e o paso a situación 2. O simulacro desenvolveuse nos lugares de Roxos (parroquia de Villestro, pertencente ao concello de Santiago de Compostela), e na urbanización de Aldea Nova (parroquia de Ortoño, no concello de Ames). Comezou ás 8:45 cun incendio de nivel 1 na zona de Roxos, que ao non poder ser controlado, pasou ao nivel 2, arredor das 11.00 horas.

Por parte do Concello de Ames participaron axentes da Policía Local de Ames e membros da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil, así como o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens. O simulacro de emerxencia por incendio forestal de nivel 1 comezou na zona de Roxos, en Santiago de Compostela, e estendeuse ata a urbanización de Aldea Nova, en Ames, pasando a nivel 2, ás 11.00 horas.

Deste xeito, durante o simulacro os efectivos dos corpos de seguridade de Ames e da Garda Civil informaron á veciñanza da urbanización de Aldea Nova sobre a situación de rico de nivel 2 por incendio forestal e desaloxaron a veciñanza das rúas Estivada e Os Tallos e o persoal que se atopaba no Centro municipal de formación e emprego. Ademais, no simulacro tívose que actuar no cemiterio municipal de Os Batáns, onde quedaron pechadas oito persoas.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou que “é moi importante facer este tipo de simulacros para saber como actuar. Isto permítenos saber que no caso dun incendio forestal temos que acudir ao lugar onde estea instalado o Posto de Mando Avanzado (PMA) e mailo Centro de Recepción de Medios (CRM) para achegar toda a información que pode ser útil nas intervencións que se estean realizando” . Ademais, considerou “fundamental este tipo de simulacros para coñecer as persoas que interveñen nestes operativos e mellorar a coordinación entre os distintos servizos nun caso de emerxencia, para que o impacto sobre a poboación e as infraestruturas sexan o menor posible”.

Manuel Lens tamén explicou que “dende o Concello de Ames estamos satisfeitos con que se fixera este simulacro no entorno de Aldea Nova, xa que é unha das zonas máis sensibles do municipio, sen esquecer que o concello de Ames está considerado Zona de Alto Risco de incendios (ZAR). Non debemos esquecer que, no que levamos de 2022, xa sufrimos 6 incendios forestais que queimaron unhas 20 hectáreas de monte”.

Obxectivos do simulacro
Segundo se indica no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA), un incendio con índice de gravidade potencial 2 e un incendio no que, na súa evolución máis desfavorable, prevese que vai a ser unha ameaza seria para os núcleos de poboación e das infraestruturas de especial relevancia e o dano forestal que se agarda é moi importante (pola extensión do incendio ou polas características da masa afectada), de forma que se fai necesario adoptar inmediatamente medidas para a atención e o socorro da poboación e para a protección dos seus bens.

O que se pretendeu con este simulacro é avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos para atender unha situación de emerxencia por incendio forestal aplicando aos plans de emerxencia correspondentes. Neste tipo de operativos mobilízase unha gran cantidade de medios, tal e como se puido comprobar esta mañá no devandito simulacro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames se blinda ante otro posible incendio que cerque Aldea Nova"

Intervención feita no cemiterio municipal de Os Batáns

Multimedia

  • Intervención feita no cemiterio municipal de Os Batáns
  • Intervención feita na urbanización de Aldea Nova