Pestanas principais

Ames participa un ano máis na rede cultural posta en marcha pola Deputación da Coruña

Xoves, 21 de abril de 2011

[21-04-2011] Un ano máis o Concello de Ames realizou a correspondente solicitude para participar na programación da rede cultural da Deputación da Coruña. Este programa permite contratar a grupos non profesionais de música e de teatro doutras municipios galegos, para que actúen nos diferentes eventos e festas que se organizan dentro do termo municipal amiense. Ademais decidiuse incluír aos grupo municipais de teatro de Bertamiráns e do Milladoiro, na referida programación co fin de que acudan a outros municipios de Galicia para representar os espectáculos "Atraso" e "Nunca nada de ninguén".

O Concello de Ames ofrece a toda a veciñanza amiense unha ampla programación cultural para todos os públicos. Todas as fins de semana organízanse numerosas actividades nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. A estas actividades tamén se suman en moitas ocasións varias exposicións de pintura ou outro tipo de artes que normalmente se poden visitar no Pazo da Peregrina. Co obxectivo de ampliar esta programación o Concello de Ames decidiu participar na programación da rede cultural da Deputación da Coruña.

Os grupos que participan neste programa deben actuar sempre fóra do municipio no que estean radicados. As súas actuacións poderán ser solicitadas por todos os Concellos adheridos a este programa e que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.

A través deste acordo a Deputación da Coruña sufragará o 50% do custo que supoñen as actuacións dos grupos de música e teatro non profesionais que representarán os seus espectáculos en Ames. Algúns dos grupos que actuarán dentro deste programa son a Banda de Música Municipal de Brión, que actuará nas festas da Madalena, e a Banda de Música de Arzúa, que actuará nas festas da Peregrina.

Ademais, a través da rede cultural da Deputación da Coruña, vaise contratar a Asociación Cultural Papaventos de Vedra, coa obra de teatro "A cantante Calva", e a Asociación teatral "O Aturuxo de Melpómene" coa peza teatral "Comendo pementos de padrón con Tarantino". Estas dúas asociacións participarán na V Mostra de Teatro Afeccionado, que se celebrará durante o vindeiro mes de novembro. Ademais, contratarase o grupo "A requinta de Xián" e o grupo de pandereteiras "A Subela", que actuarán na festa do Magosto. Estas actuacións supoñen un gasto de 5.200 euros.

A través deste programa cultural tamén se contratan diversas compañías de teatro profesionais, que actúan nos centros socioculturais do Milladoiro e de Bertamiráns, artistas para o festival de Maxia, que todos os anos se celebra en Ames, grupos de música que actúan en diferentes eventos como o Milladoiro Folk ou o Millarock. Estas actuacións teñen un custo de 40.750 euros.

Este programa cultural é unha das iniciativas que lanza anualmente a Deputación da Coruña co obxectivo de contribuír á difusión e á promoción da música, do folclore, do teatro, da danza e das demais manifestacións artísticas que se están a producir na provincia, e de facilitar o coñecemento destas actividades e o seu achegamento a diversos concellos da Coruña.

O custo total de todos os artistas que representarán os seus espectáculos en Ames ascende a 45.950 euros. Estas actuacións son sufragadas a partes iguais entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña, aportando cada entidade un 50% do custo.

Grupos municipais de teatro

A Deputación da Coruña ofrece aos 94 concellos da provincia un amplo abano de actividades culturais a través da súa Rede Cultural. Coa aprobación desta solicitude o Concello de Ames quere incluír na programación de 2011 da Rede Cultural da Deputación da Coruña aos grupo municipal de teatro de Bertamiráns e do Milladoiro.

Estes grupos formarán parte da convocatoria para a participación na programación da Rede Cultural da Deputación da Coruña para o ano 2011, no Programa de Música e Teatro para grupos non profesionais. O grupo municipal do Milladoiro participará neste programa coa obra "Nunca nada de ninguén", mentres que o grupo municipal de Bertamiráns representará a obra "Atraso".

Deste xeito, os grupos municipais actuarán en diversos municipios. A asociación Papaventos solicitou a actuación do grupo municipal do Milladoiro e o Concello de Porto do Son solicitou a actuación do grupo municipal de Bertamiráns. Ademais, estes grupos terán actuacións nos concellos de Negreira, Muros e Santa Comba, a través do programa de intercambio de grupos non profesionais.