Pestanas principais

Ames participa un ano máis no Proxecto Youtubeir@s para promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través da rede

Mércores, 13 de febreiro de 2019

[13-02-2019] Esta mañá presentouse en Santiago a terceira edición do proxecto Youtubeir@s, impulsado por trece concellos galegos, as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo, e a Deputación da Coruña. No evento participaron os alcaldes de Santiago e O Grove, Martiño Noriega e José A. Cacabelos, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijóo, e a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández. Tamén estiveron presentes a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación de Ames, Isabel Vaquero, e a técnica de Normalización Rosa Moreiras, así como representantes dos outros concellos participantes. Mediante esta iniciativa buscase promover o uso do galego en Youtube, a través dun certame, campañas de difusión e cursos de formación.

O Concello de Ames participa, por terceiro ano consecutivo, nunha nova convocatoria do proxecto Youtubeir@s, que naceu co obxectivo de promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube, a rede social de vídeos máis grande da rede. Con esta nova edición, organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo; así como polas tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, pretendese consolidar a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e que se xeren referentes en galego de youtuberi@s. Para elo ampliarase do calendario de actividades e o aumento da dotación destinada aos premios.

Durante a presentación subliñouse que nas anteriores edicións dos Premios Youtubeir@s participaron máis de 400 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, das que máis de 380 acudiron aos cursos de formación. Ademais, producíronse máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Unhas cifras se incrementarán con esta nova edición, para a que se implantarán varias novidades.

Premios e categorías
Algunhas das novidades desta edición son a ampliación de categorías que poderán optar a premio e o incremento da dotación económica destinada. Así, destinaranse 6.500 euros a premios, o que supón 1.000 euros máis con respecto á pasada edición. Esta cifra total repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos, a últimas das cales supón a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube.

Ademais, a estas catro categorías súmanselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística e unha quinta que corresponderá ao premio do público, chamado #propostayoutubeira, co que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. O prazo de inscrición permanecerá aberto dende hoxe, 13 de febreiro, até o 27 de setembro.


Formación
Asemade, este ano o proxecto centrará parte dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados principalmente á comunidade educativa posto que, aínda que Youtubeir@s é un proxecto interxeracional, son as xeracións que naceron como nativas dixitais as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación. Por elo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos, un ano máis, pola produtora Illa Bufarda. Ao corpo docente incorporase a actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

Youtubeir@s en conexión
Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexión, e o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos.

No primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede. Por outra banda, realizarase a Xornada para Youtubeir@s, na que se convocará a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis, o lingüístico, temático ou a creación de públicos, de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.

A estas tres liñas de acción cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais, ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano youtubeiro.

Inscrición no proxecto
Os e as interesadas en coñecer máis sobre o proxecto Youtubeir@s ou inscribirse no programa, poden acceder á páxina oficial www.youtubeiras.gal/, na que atoparán o vídeo promocional, información sobre os premios e actividades, e a ligazón na que poderán formalizar a inscrición.