Pestanas principais

Ames percibirá máis de 300.000 euros a través do POS+ Adicional que se investirán en catro obras no Milladoiro, Bugallido e Agrón

Luns, 09 de outubro de 2017

[09-10-2017] O Concello de Ames vén de prestar conformidade en Xunta de Goberno Local a execución das obras incluídas no plan complementario do POS+ 2017. Trátase da instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro, a pavimentación de viarios no núcleo de Outeiro (Bugallido), a mellora da accesibilidade universal na rúa Agro do Medio do Milladoiro e o arranxo do camiño principal en Sandar (Agrón). Estes catro proxectos teñen un orzamento de 323.448,23 euros, que serán sufragados a través da incorporación de remanente de tesourería da Deputación da Coruña.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a incorporación de remanentes de tesourería de Deputación permitinos dispor de máis de 300.000 euros para sufragar catro novos proxectos, que ao estar incluídos no plan complementario do POS+ 2017, xa foron aprobadas no pleno do Concello e da Deputación. Deste xeito, como moi tarde durante o primeiro trimestre de 2018 poderanse sacar a concurso e ao longo de 2018 poderanse comezar a executar. Trátase de importantes proxectos porque inclúen obras de mellora da accesibilidade e de arranxo de camiños municipais. Estes proxectos realizaranse no núcleo urbano do Milladoiro e nas parroquias de Bugallido e Agrón”.

O goberno municipal sufragará catro proxectos con ditos fondos. Tratase da instalación dun novo pavimento deportivo no pavillón polideportivo do Milladoiro (74.864,54 euros); a pavimentación de viarios no núcleo de Outeiro, en Bugallido (55.340,51 euros); a mellora da accesibilidade universal na rúa Agro do Medio do Milladoiro (126.144,74 euros); e o arranxo do camiño principal en Sandar, en Agrón (67.098,44 euros). A idea do goberno é licitar estas obras durante o primeiro trimestre de 2018 e executalas ao longo de 2018.

O POS+2017 suma aos 74 millóns de euros consignados no seu orzamento inicial para este ano outros 16 millóns de euros procedentes da incorporación de remanentes, co que a dotación orzamentaria definitiva do Plan Único en 2017 ascende ata os 90 millóns de euros. A incorporación dos remanentes ao orzamento do plan realízase de xeito automático, polo que non é preciso tramitar unha nova convocatoria, como se facía antes, nin aprobar novas bases ou levar os novos proxectos ao pleno, polo que os fondos chegarán con gran rapidez aos concellos.

Todos os concellos da provincia solicitaron obras nun plan complementario que se aprobou en pleno xunto coas 353 obras que o Plan Único financia na actualidade nos 93 concellos coruñeses. Deste xeito, o Concello de Ames vén de recibir unha circular da Deputación na que se indica o importe que lle corresponde no reparto deses 16 millóns de euros adicionais. Agora, o goberno municipal, despois de decidilo en Xunta de Goberno Local, ten que comunicarlle á Deputación as obras que sufragará con cargo a estes fondos.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O POS+2017 deixa máis de 300.000 euros aos amienses"
Lindeiros: "Ames inviste 300.000 euros do Plan complementario da Deputación"