Pestanas principais

Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030

Mércores, 12 de xuño de 2024

O Pazo da Peregrina acolleu onte, ás 20.00 horas, a presentación do documento definitivo da Axenda Urbana 2030 do Concello de Ames, que é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.

O alcalde, Blas García, tamén concelleiro de Axenda Urbana, foi o encargado da benvida institucional da presentación do documento, á que tamén foi convidado o ex-concelleiro da área, David Santomil, para falar dos fundamentos da Axenda Urbana. O acto contou tamén co arquitecto Jorge Duarte, que presentou o proxecto de construción do Mercado municipal de abastos de Ames , recollido neste documento estratéxico.

Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia, Rosa Ana García, deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente da Deputación da Coruña e María Begoña Freire, directora territorial da Coruña da Consellería de Vivenda e Planificación de Industrias da Xunta de Galicia, acompañaron ao rexedor, Blas García, no peche institucional do acto e ostentaron a representación dos Goberno de España, Galicia e da provincia da Coruña.

Blas García destacou que “o que hoxe se está a presentar é o futuro que a veciñanza de Ames escolleu para o seu concello”. O rexedor tamén defendeu que Ames é o único Concello que medra porque ten políticas únicas, “as persoas están sempre no centro as políticas e a elaboración deste documento é o mellor exemplo” finalizou o rexedor.

O delegado puxo en relevancia o bo aproveitamento por parte de Ames dos fondos do Plan de Recuperación e os esforzos da Administración local por “facer de Ames un concello para as persoas; acolledor, saudable, sostible e participativo; nun lugar da xente, para a xente”. Pola súa parte a deputada provincial, Rosa Ana García, parabenizou ao rexedor e ao equipo de goberno por sacar adiante un documento que fará que o municipio “medre con sentido e na dirección correcta”.

A Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030 e, máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, a través de dito documento búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.

A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A Axenda Urbana 2030 inclúe a análise e diagnose e mailo marco estratéxico e plan de acción. Ademais, cando sexan aprobados haberá que incluír os indicadores de resultados e seguimento. Trala presentación desta tarde, o xoves 13 de xuño celebrarase un pleno extraordinario para debater e aprobar, se procede, o documento definitivo da Axenda Urbana 2030.

Para a elaboración de dito documento estratéxico abriuse un proceso participativo a través dunha enquisa aberta á participación cidadá e con diferentes foros nos que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegaran propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.

A análise e diagnose centrase en diferentes eidos como son o territorio, paisaxe e biodiversidade; modelo de cidade; cambio climático; xestión sustentable dos recursos e economía circular; mobilidade e transporte; cohesión social e igualdade de oportunidades; economía urbana; vivenda e era dixital.

Obxectivos estratéxicos e transversais
A Axenda Urbana de Ames ten seis obxectivos estratéxicos e tres obxectivos transversais. Os principais obxectivos estratéxicos son fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro, como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a todas as persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación demográfica; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.

Por outra banda, entre os obxectivos transversais figuran fomentar e favorecer a gobernanza colaborativa no interior e de cara ao exterior do municipio; asegurar a igualdade de xénero en todos os estadios e proxectos da Axenda Urbana de Ames; e transicionar cara a era dixital no municipio.

Plan de acción da Axenda Urbana 2030
O Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames reflicte unha visión ambiciosa e participativa para impulsar o progreso e a mellora da calidade de vida no municipio. Enfocándose nunha combinación de proxectos tractores e accións específicas. Os proxectos tractores son a integración dos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns; posta en valor do rural de Ames; integración do medio natural nas dinámicas municipais; mellora do espazo urbano do núcleo do Milladoiro; e integración do espazo urbano de Bertamiráns co seu medio natural.

As accións céntranse en seis obxectivos. A primeira acción que se recolle na Axenda Urbana 2030 é fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio. Dentro desta acción proponse a elaboración dun Plan Territorial Integrado (PTI) entre os municipios metropolitanos de Santiago de Compostela, adaptación do marco normativo municipal para facilitar a xestión, creación dunha rede de sendas peonís e ciclables que vertebren o municipio, implantación dun transporte público que una de maneira áxil os núcleos do Milladoiro e Bertamiráns entre eles e co rural, creación dun servizo de alugueiro de bicicletas eléctricas e cargadores para vehículos eléctricos dentro do municipio, creación dunha rede de aparcadoiros disuasorios nos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns, e a posta en marcha dun plan para facer de Ames un territorio intelixente.

O segundo obxectivo é poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles, a través da posta en marcha dun plan de recuperación integral dos núcleos rurais tradicionais de Ames, deseño e posta en marcha dun plan de recuperación, conservación e información do patrimonio histórico e cultural do municipio, elaboración do plan director dos espazos naturais do municipio, desenvolvemento dun programa para a sensibilización e concienciación medioambiental e actuación integral de restauración medioambiental do río sar, emprendemento de accións de difusión para a posta en valor dos atractivos turísticos do municipio, e creación dun centro de interpretación da historia de Ames.

O terceiro obxectivo é organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio, a través da implementación de novas superficies arboradas nos núcleos centrais do Milladoiro e Bertamiráns, artellamento de novos organismos colaborativos para a xestión do monte do municipio dunha maneira integrada, plan de apoio á creación de Comunidades Enerxéticas Locais, Plan de mellora das condicións enerxéticas e térmicas dos edificios municipais, implantación de sistemas de control e telexestión do alumeado público, remate das obras necesarias para abastecer dos servizos básicos de saneamento e abastecemento a todo o rural, ampliación da depuradora de Sisalde, implementación de melloras na xestión de residuos do municipio, implementación de medidas de recollida e aproveitamento da auga de choiva nos espazos e edificios públicos.

A cuarta acción é xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a tódalas persoas, a través do deseño e posta en marcha dun plan de humanización e rexeneración dos núcleos centrais do Milladoiro e Bertamiráns, deseño dun plan para o acondicionamento do espazo público dos núcleos rurais, e creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural.

No quinto obxectivo recóllese atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación, a través da realización dos traballos necesarios para a mellora da estrutura educativa de Ames fomentando a integración e a conciliación; deseño dun plan de adaptación e creación de novos espazos para a xente adolescente asociado a unha programación e xestión propias; desenvolvemento de proxectos e programas para a mellora da oferta deportiva e cultural de Ames; creación de dotacións asociadas a programas de fomento do envellecemento activo e a mellora da saúde das persoas maiores; ampliación e mellora da eficiencia enerxética da Casa Consistorial de Ames; creación de actividades e dotacións para as persoas con discapacidade; deseño dun Plan Municipal de Vivenda que mellore as condicións de acceso á vivenda das persoas con maiores dificultades; posta en marcha dun programa de colaboración entre as entidades sociais do municipio co fin de xuntar esforzos e mellorar a coordinación; desenvolvemento de programas de integración social; ampliación dos sistemas de comunicación entre a administración local e a cidadanía; implantación de melloras na xestión interna da administración local; e ampliación da cobertura de internet de boa calidade a todo o municipio de Ames.

O sexto obxectivo é dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames, a través do deseño de novas dotacións e dunha programación formativa en Ames adaptada ás necesidades dos sectores empresariais máis relevantes no municipio da man da economía circular; posta en marcha dun proxecto de inserción socio-laboral en colaboración entre as entidades sociais e as empresas do municipio; apoio ao sector agro gandeiro de Ames fomentando os produtos de proximidade; construción do novo mercado municipal de abastos en Bertamiráns; deseño dun plan para a transición circular do tecido produtivo local; ampliación das infraestruturas asociadas ao sector industrial en Ames vencelladas a un Plan de transporte ao traballo; e deseño dun plan para a mellora da dixitalización e a competitividade do comercio local.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O Pazo da Peregrina albergou a presentación da Axenda Urbana, os proxectos do Ames do futuro"

La Voz de Galicia: "Ames presentó la Axenda Urbana y el proyecto de la plaza de abastos de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "La Axenda Urbana de Ames busca recuperar el rural y cohesionar las localidades de Bertamiráns y Milladoiro"

Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030

Multimedia

  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030
  • Ames presenta o documento que marcará o seu futuro: a Axenda Urbana 2030