Pestanas principais

Ames presenta unha nova edición do concurso de fotografía de Nadal “Ilumina o teu sorriso” xunto coa campaña de promoción do comercio local “Davide dá a badalada”

Martes, 10 de decembro de 2024

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da nova edición do concurso “Ilumina o teu sorriso”, organizado un ano máis pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e o estudo de deseño gráfico e imaxe de marca La Rayela, xunto coa campaña “Davide dá a badalada” que se estrea este Nadal e repartirá 2.000 euros entre as persoas que merquen nos negocios da XEA. Ambas iniciativas nacen co propósito de fomentar e promover o comercio local en Ames. As persoas interesadas en participar no concurso de fotografía deberán realizar dúas fotos nas localizacións con decoración de Nadal en Ames: as prazas do Concello e a Maía en Bertamiráns, ou a Praza da Madalena e o aparcamento do Supercor no Milladoiro. Os premios son un vale de 250 euros, outro de 150€ ou un de 100€ para gastar nos comercios asociados á XEA.

A Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da sexta edición do concurso de fotografía de Nadal “Ilumina o teu sorriso”, que ten como obxectivo promover e dinamizar o comercio local, achegando entre a veciñanza amesá as rúas máis comerciais do municipio para fomentar o seu consumo. Ao acto acudiron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente da XEA, Ramón Cordido, e a xerente de XEA, Beatriz López.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu o labor que realizan desde a XEA coa creación destas iniciativas que “ofrecen premios económicos importantes que van axudar ao noso comercio e hostalaría local”.

Na mesma liña, o presidente da XEA, Ramón Cordido, explicou a sexta edición de “Ilumina o teu sorriso” e animou á veciñanza a participar no que “é unha mestura da alegría do Nadal, sacarnos fotos coa nosa xente coa que compartimos estas festas e coñecer o noso concello”.

Pola súa banda, a xerente da XEA, Beatriz López, explicou a iniciativa “Davide dá a Badalada”, campaña que se estrea este Nadal, e que “intenta premiar á xente que consume no comercio local”.

Presentación de fotografías "Ilumina o teu sorriso" e requisitos
O prazo de presentación de fotografías desta edición de “Ilumina o teu sorriso” está aberto dende hoxe 10 de decembro ata o vindeiro 6 de xaneiro. En canto aos requisitos, as imaxes poderán realizarse con calquera tipo de técnica e estilo. O resto de condicións poden consultarse na seguinte ligazón.

Pode participar calquera persoa maior de 18 anos residente en España e os participantes deberán enviar as súas fotografías ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com xunto cos datos do autor (nome e apelidos, data de nacemento e enderezo), un número de teléfono e un texto no que se autorice á organización a difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo. No caso de que aparezan persoas recoñecibles nas imaxes, deberá de enviarse tamén un escrito por ditas persoas nas que se autorice o uso da súa imaxe.

Así mesmo, as persoas participantes prestan o seu consentimento para que as imaxes presentadas sexan expostas nas redes sociais de @amesnarua baixo o hashtag #iluminaoteusorriso24 e #amesnarua.

Os concursantes deberán enviar dúas fotos, tomadas en dúas das catro localizacións propostas con elementos da decoración de Nadal en Ames: o 2025 luminoso da Praza da Maía e o logo de Ames da Praza do Concello en Bertamiráns, e a bola xigante de luces situada na Praza da Madalena e a árbore iluminada localizada no aparcamento do Supercor no Milladoiro. As dúas fotos teñen que ser de elementos diferentes, indistintamente da localidade.

A cada unha das persoas que participen no concurso asignaráselle un número de sorteo consecutivo segundo o envío ao enderezo de correo electrónico facilitado. A Xuntanza de Empresarios de Ames, XEA, realizará no mes de xaneiro un sorteo dixital no que se coñecerán as persoas premiadas desta edición do concurso. Os tres primeiros números que resulten do sorteo, serán as persoas premiadas. Tamén se sortearán dous números máis que corresponderán ao primeiro e segundo suplente para que, no caso de que non se poida contactar coas persoas gañadoras nun prazo de 3 días hábiles, se lles adxudique aos suplentes os seus correspondentes premios.

A persoa participante á que lle corresponda o primeiro número recibirá un vale de 250 euros para gastar en comercios asociados á XEA. Así mesmo, a segunda persoa premiada recibirá un vale de 150€  e o terceiro premio obterá de 100€ para gastar nos comercios locais da XEA.

Davide dá a badalada
Así mesmo, este ano estréase unha nova campaña para promover e premiar o consumo no comercio local, “Davide dá a badalada”. A iniciativa, organizada tamén pola XEA coa colaboración do Concello de Ames, estará aberta dende o día 12 ata o 27 de decembro e pretende premiar e fomentar o consumo do comercio local. Nese período, as persoas que merquen nos comercios adheridos á XEA poderán participar nun sorteo no que se repartirán 12 premios, representando así as 12 badaladas de fin de ano.

O sorteo realizarase o día 31 e repartiranse en total 12 premios por un valor de 2.000 euros: un premio con valor de 500 euros para gastar en comercios da XEA, dous vales  por valor de 300€ e 9 premios de 100€ para consumir nos negocios da XEA. Poderá participar calquera persoa que merque nesas datas nos comercios adheridos á Xuntanza de Empresarios de Ames, sexan ou non residentes no municipio.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El comercio amiense reparte este Nadal dos mil euros en premios"

El Correo Gallego: "Ames convoca un certame fotográfico para iluminar o sorriso e dinamizar o comercio local"

Lindeiros: "Fotografando en Nadal"

Ames presenta unha nova edición do concurso de fotografía de Nadal “Ilumina o teu sorriso” xunto coa campaña de promoción do comercio local “Davide dá a badalada”

Multimedia

  • Presentación das campañas "Ilumina o teu sorriso" e "Davide dá a badalada"
  • Cartel do concurso de fotografía "Ilumina o teu sorriso"
  • Cartel da campaña "Davide dá a badalada"