Pestanas principais

Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo

Mércores, 15 de maio de 2024

O festival de cinema infantil e xuvenil do Concello de Ames, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, abre a convocatoria para que cineastas de calquera nacionalidade poidan participar cos seus filmes. A inscrición estará aberta ata o 26 de agosto. A sétima edición do certame celebrara do 14 ao 17 de novembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. Este ano, a programación xirará arredor do poder educativo e de cambio social que ten o cinema na sociedade. As bases de participación pódense consultar premendo nesta ligazón.

Cinema Miúdo é un certame internacional que dá á rapazada galega a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais e sorprendentes, e de descubrir olladas doutras partes do mundo a  través do cinema. O certame, pioneiro en Galicia na proxección de filmes dirixidos a público infantil e xuvenil, concentrou en 2023 a preto de mil persoas durante os catro días de proxeccións. Un dos seus principais atractivos son as curtametraxes procedentes de diferentes partes do mundo, imposibles de atopar nas plataformas, e coidadosamente seleccionadas polo equipo de Abella Producións, xestores a cargo de festivais para adultos como o Galician Freaky Film Festival ou Primavera do Cine.

A sección oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Cada unha das categorías competirá por un premio do xurado, dotado con 500€  e un premio do público de 200€.

Inscrición
A inscrición é gratuíta, e pode realizarse ata o 26 de agosto a través de Festhome ou do formulario dispoñible na web do certame. Poderá inscribirse calquera filme producido no ano 2022 ou posterior, destinado ao público preescolar, infantil ou xuvenil e sen límite de traballos por creador. A duración das curtas deberá non superar os 10 minutos na categoría axóuxeres, e os 25 na categoría buxainas. O certame está aberto a filmes en calquera lingua, mais no caso de pezas rodadas nun idioma distinto ao galego ou castelán deberán estar subtituladas.

A selección realizarase atendendo a criterios de igualdade, diversidade e non discriminación. Tamén se terán en conta criterios técnicos e estéticos, así como o amentado valor educativo da peza.

Pezas arredor do poder educativo do cinema
Nesta sétima edición a programación xirará arredor do poder educativo e de cambio social que ten o cinema na sociedade. Para isto, a escolla dos filmes responderá a criterios tanto estéticos e técnicos, como educativos, poñendo especial interese en seleccionar pezas que transmitan valores de igualdade e diversidade. Como na edición anterior, o equipo de programación escollerá pezas inscritas nesta convocatoria, pero tamén seleccionará curtametraxes exhibidas nos mellores certames de cinema infantil do mundo

Sabedores do poder educativo e de cambio social que ten o cinema na sociedade, unha das principais novidades para esta sétima edición é a realización de obradoiros nos institutos, que complementarán os tradicionais obradoiros para promover a creatividade e interese das nenas e nenos no audiovisual, así como actuacións musicais e momentos lúdicos. Ademais, a organización seguirá traballando no camiño iniciado na anterior edición de contar con realizadoras e realizadores convidadas e convidados que conversen co público miúdo sobre os seus filmes.

Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo

Multimedia

  • Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo
  • Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo
  • Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo
  • Ames procura filmes infantís e xuvenís para a VII edición do certame Cinema miúdo