- Tematica
A radio municipal de Ames, Ames Radio, comezou a emitir a mediados de novembro os programas enmarcados no proxecto Radio Cidadá, unha iniciativa que busca convidar á veciñanza a crear os seus propios espazos radiofónicos. Este ano hai quince programas, que formarán parte da grella de Ames Radio ata mediados do próximo mes de xuño. Dez deles xa foron emitidos en edicións pasadas, pero cinco son de nova incorporación. Nos diversos espazos abórdanse temas como a música, economía, historia ou o benestar, entre outros.
Un ano máis o Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, pon en marcha o proxecto Radio Cidadá, no que a emisora municipal abre as súas portas aos veciños e veciñas de Ames para conducir os seus propios programas. Este ano mantéñense dez das propostas que xa se integraran na grella de edicións anteriores: Vivirmos nun mundo finito, Apuesta por el Rock and Roll, Exército Mekemeke, Vaide retro, De museo, Miradas, O protocolo é para todos, Contos económicos, Tangos de la esquina sur e Las carabelas del siglo XXI. Todas elas son espazos consolidados xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio
Ademais, nesta nova convocatoria hai catro novidades: Milladoiro ao día, que fai un percorrido pola historia de Ames; La hora de la columna, no que se fala de moda, sociedade e actualidade do mundo do corazón; El cuerpo que habitamos, un espazo sobre benestar conducido pola comunicadora social Martha Franco, que busca afondar na relación corpo-mente e emocións; e La Juli y la Bélen, no que se abordan temas cotiás desde unha perspectiva cómica e divertida.
Programas semanais, quincenais e mensuais
Este ano son sete os programas que se emitirán en Ames Radio cada semana: Vivirmos nun mundo infinito, nos luns ás 19:30 horas; Exército Mekemeke, os mércores ás 19:00 horas; Contos económicos, os xoves ás 19:30 horas; Tangos de la esquina sur, os venres ás 21:30 horas e Las carabelas del siglo XXI, os sábados ás 10:00 horas. Os programas de nova incorporación La hora de la columna e La Juli y la Bélen emitiranse os martes ás 19:30 horas e os venres ás 19:30 horas, respectivamente.
Outros programas poden escoitarse cada dúas semanas, e alternan a súa emisión en días e horas compartidos: Vaide retro e De museo, os mércores ás 19:30 horas, e O protocolo é para todos e El cuerpo que habitamos, os xoves ás 19:00 horas.
As restantes propostas teñen unha emisión mensual: Apuesta por el Rock and Roll, os martes ás 18:30 horas; Milladoiro ao día, os martes ás 19:00 horas; e Miradas, os mércores ás 21:30 horas.