- Tematica
A radio municipal de Ames, Ames Radio, comezou a emitir durante a última semana de outubro os programas que se enmarcan dentro do proxecto Radio Cidadá, unha iniciativa que ten como obxectivo invitar á veciñanza a crear os seus propios espazos radiofónicos. Este ano hai trece programas, que formarán parte da grella de Ames Radio ata o próximo mes de xuño, dos cales dez xa foran emitidos en edicións pasadas, mentres que outros tres son de nova incorporación. Neles abórdanse diversos temas, como a música, a saúde ou a economía.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura e Comunicación, pon en marcha un ano máis o proxecto Radio Cidadá, co que a emisora municipal abre as súas portas á veciñanza amesá para conducir os seus propios programas. Nesta edición mantéñense dez das propostas que xa formaran parte da grella en anteriores ocasións: Tangos de la esquina sur, Vivirmos nun mundo finito, Las carabelas del siglo XXI, Exército mekemeke, Palabras que refrescan, De museo, Vaide retro, Miradas, Espazo Brétema e O protocolo é para todos. Todos eles son programas xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio e consolidados na emisora.
Ademais, nesta nova convocatoria hai outras tres novidades: Contos económicos, un programa conducido polo economista Paulo Calvo e a física Anna R. Figueiredo, no que se comparten cos ouvintes curiosos datos económicos; Loca yo, que ten como obxectivo aproximar á veciñanza amesá á saúde mental e ao feminismo; e Apuesta por el Rock&Roll con Chelsea Runaway, no que se recorre o mundo da música rock e rockabilly creada en Galicia, ofrecendo entrevistas con artistas e facendo un repaso polos concertos e festivais que se realicen na comunidade.
Programas semanais, quincenais e mensuais
Desta volta son seis os programas que se poden escoitar en Ames Radio cada semana: Tangos de la esquina sur, os venres ás 21:30 horas; Vivirmos nun mundo finito, os luns ás 19:30; Las carabelas del siglo XXI, os sábados ás 10:00, Exército mekemeke, os martes ás 19:30 e Palabras que refrescan, os venres ás 19:30 horas. Pola súa banda, a nova incorporación, Contos económicos, será emitido os xoves ás 19:30 horas.
Outros programas poden ser escoitados quincenalmente, e alternan as súas emisións en días e horarios compartidos: De museo e Vaide Retro, os mércores ás 19:30, Loca yo, os martes ás 18:00 horas, e Apuesta por el Rock&Roll, os martes ás 18:30 horas.
Así mesmo, hai outras tres propostas que se emiten mensualmente: Miradas, os mércores ás 21:30 horas, Espazo Brétema, os luns ás 18:30 horas, e O protocolo é para todos, os xoves ás 19:00 horas.
A concelleira de Comunicación, Natividade González, destaca que a iniciativa é “un dos poucos proxectos de radio cidadá que existen actualmente nas emisoras. Ademais, participan os veciños e veciñas de maneira plural, facendo programas de distinta índole”, así como que serve para “poñer en valor a nosa radio, unha radio pública na que este ano se fixeron importantes cambios e modificacións para modernizala e colocala na vangarda. Os ouvintes non só poden escoitar os programas en directo, senón que tamén o poden facer a través dos podcasts, coa nosa radio á carta”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Portas abertas na radio municipal á veciñanza"