Pestanas principais

Ames Radio emitiu os vídeos dos textos gañadores do XV Certame Literario na voz dos seus autores e autoras

Mércores, 02 de decembro de 2020

Preto de 16.000 persoas alcanzadas e máis 3.000 interaccións tiveron os 16 vídeos que durante o mes de novembro emitiu a canle de facebook da radio municipal de Ames. Os autores e autoras premiadas na XV edición do Certame Literario de Ames puxéronse diante da cámara para compartir coa veciñanza os seus textos. Ademais, coincidindo co día no que se daba a coñecer cada obra na rede, o xornalista de Ames Radio, Juan Luís Silva, entrevistou no magazine local “Somos Ames” aos galardoados e galardoadas. Todos os vídeos pódense ver na canle de facebook de Ames Radio.

Os autores e autoras pulsaron o botón de gravar dos seus móbiles para compartir os textos premiados na XV edición do Certame Literario de Ames. A iniciativa tivo unha excelente acollida entre os seguidores da canle de facebook da radio municipal e as familias e amizades das persoas premiadas. A escritora María Carmen Rey -2º premio da 3ª categoría na modalidade de narrativa- foi a premiada que acadou a cifra máis alta de visualizacións, con 4.142 persoas alcanzadas e 908 interaccións; o seu vídeo foi ademais o máis compartido, alcanzando a cifra de 22 persoas que o copiaron no seu muro. Seguírona os textos de Alba Guzmán -2º premio da 2ª categoría na modalidade de narrativa- con 2068 interaccións, Sara Constenla -3º premio de narrativa da 1ª categoría- con 1238 alcances, e Diego Fungueiriño con 1221, 1º premio da 1ª categoría de poesía.

13 mulleres e 4 homes
Na XV edición do Certame Literario de Ames destacaron os textos escritos por mulleres. Todos os premios da modalidade de narrativa tiñan sinatura feminina e na modalidade de poesía foron 5 as premiadas, fronte os 4 homes galardoados. Dáse a circunstancia ademais de que textos de tres mulleres, Iria Piñeiro -1º premio da 2ª categoría en poesía e narrativa-, Cristina María Redondo -3º premio de poesía e 1ª de narrativa da 1ª categoría-, e Raquel Fernández -3º premio de narrativa e 2º de poesía- obtiveron premio nas dúas modalidades de poesía e narrativa.

Moitos dos autores e autoras premiadas este ano son xa escritores consolidados, algúns deles con varios premios no seu haber. É o caso do pintor e poeta Xurxo Alonso, que acadou o primeiro premio de poesía no Certame de Ames e que xa conta co Fermín Bouza Brey, o Avelina Valladares e o Cidade de Ourense. Raquel Fernández, 2º premio de poesía e 3º de narrativa, posúe o premio do Certame “Mensaxes a un maltratador” do Concello de Madrid, o de poesía da Asociación “Habla” de Valladolid, o da Asocicación de Veciños do Calvario, o de Microrelatos das Mulleres Progresistas de Vigo, o da Asociación Cultural de Mañulfe de Gondomar e o Manuel Orestes de Paradela. Pola súa banda, María Carmen Rey ten dúas novelas, Escapados e Mulleres, publicadas na editorial Toxosoutos.

Creadores novos premiados en varios certames
Porén, non só nas categorías de maiores de 18 anos, abondan nomes xa coñecidos no parnaso das nosas letras. Na 2ª modalidade, Nee Barros, ao que en breves a editorial Galaxia lle publicará a súa primeira obra de teatro, conta xa co Minerva do 2019 e varios galardóns no Lingua de namorar. Pola súa banda, Iria Piñeiro, que nesta edición acadou os primeiros premios na modalidade de poesía e na de narrativa, xa acadara no ano 2018 o 3º premio de narrativa e un ano despois o 2º da mesma modalidade no certame de Ames.

Tamén na categoría das persoas máis novas, as que non pasan dos 13 anos, hai nomes que xa son habituais noutros certames literarios. Alba Guzmán, segundo premio de narrativa, conta xa co María Soliña de Cangas, o Certame Literario Piños de Ourense, o de Narrativa Juvenil Nacional do Sindicato SATSE, o Minerva do colexio Peleteiro, o de Microrelatos de Feiraco e o de artigos periodísticos do MIT de Navarra. Pola súa banda, Cristina Redondo acadou xa premios nalgúns certames escolares.

Este ano, por mor das restricións para Ames da COVID19, tivo  que adiarse a celebración da entrega de premios do Certame e a consecuente “foto de familia” que daba a coñecer publicamente aos gañadores e gañadoras. Quen queira agora pode coñecelos a través desta rede da radio municipal. Alí están aloxados os textos de Diego Fungueiriño, Mariña Souto, Cristina María Redondo, Iria Sánchez del Río, Nee Barros, Samuel da Silva, Jorge Alonso, Raquel Fernández, Sara Constenla, Alba Guzmán, Carla López, Maria Carmen Rey e Manuel Xiraldez.

Carme Rey

Multimedia

  • Alba Guzmán
  • Diego Fungueiriño
  • Raquel Fernández