- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este xoves 16 de decembro, ás 20:00 horas, a gala de entrega de premios do certame Galetiktokers, unha iniciativa da Concellaría de Mocidade e Normalización Lingüística que volve por segundo ano para fomentar a creatividade da xente moza e a creación de novos formatos en galego. O evento será conducido polas influencers e presentadoras Fátima Pego e Lucía Rodríguez, e contará coa intervención das integrantes do xurado, Gabi G e Leti da Taberna, así como coa música de DJ Son1c e da propia Fátima Pego. Os convites, de balde, xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Os premios do certame Galetiktokers suman uns 600 euros, repartidos entre dúas categorías determinadas pola idade. A primeira categoría inclúe á rapazada dos 13 aos 16 anos (ambas as idades incluídas) e a segunda engloba a mocidade a partir dos 17 anos. Ambas modalidades optan a dous premios de 150 euros, decididos polo xurado ou ben polo público, que votou polos seus vídeos favoritos a través da conta de Instagram da OMIX de Ames.
En total, unhas 21 propostas de 17 candidatas foron enviadas e aceptadas pola organización. A temática das pezas é variada, mais a lingua e a cultura galega destacan como foco principal dos tiktoks das participantes. Os vídeos inclúen referencias á música, ao deporte, á sociolingüística ou mesmo a estereotipos do galego, mais tamén hai tiktoks de carácter humorístico ou de bailes. Os vídeos creados para esta segunda edición do Galetiktokers tiñan que estar en lingua galega, e debían ser de creación propia a través da aplicación TikTok, cunha duración de entre 15 e 60 segundos.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, quixo felicitar a todas as participantes e destacar que nesta edición foron máis as rapazas e as mulleres que se animaron a enviar as súas propostas: máis concretamente, un 86% dos vídeos candidatos leva firma feminina. “Agradezo moito a participación de todas as persoas, que coas súas creacións puxeron de manifesto o talento que hai no país, contribuíndo ademais a espallar a nosa lingua pola rede. Quero resaltar en especial a maioritaria participación de mulleres nesta edición".
A gala, que se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns este xoves 16 de decembro, ás 20:00 horas, estará conducida polas influencers e presentadoras de televisión Fátima Pego e Lucía Rodríguez, que xa acudiran á presentación desta nova edición de Galetiktokers o pasado mes de outubro. Os influencers Gabi G e Leti da Taberna, que forman o xurado xunto a Lucía Rodríguez, tamén intervirán na gala cuns monólogos. Ademais, no evento haberá música da man de DJ Son1c e da propia copresentadora da gala, Fátima Pego.
En representación do Goberno municipal e do seu equipo técnico asistirán Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística; Pili Villaverde, técnica da OMIX de Ames, e Rosa Moreiras, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do concello.
Os convites, de balde, xa se poden retirar na billeteira electrónica do Concello de Ames.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Los galetiktokers con más ‘flow’ serán galardonados"