Pestanas principais

Ames retoma a actividade cultural co espectáculo “Mozart á Galega” que se celebrará o 25 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns

Martes, 16 de xuño de 2020

Pasada a cautela inicial, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, está organizando a programación cultural de verán, con cambios de data, formato, e adaptándose ás novas necesidades no eido cultural. Deste xeito, a actividade cultural volve este xoves, 25 de xuño, ás 22.00 horas, co espectáculo “Mozart á Galega”, que se desenvolverá no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A seguinte actuación será o Festival de Jazz, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, o sábado 4 de xullo.

O próximo xoves, 25 de xuño, desenvolverase o espectáculo “Mozart á Galega” no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 22.00 horas. Trátase dunha actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, no marco do programa “Un bico un cantar”. O concerto é gratuíto e de entrada libre, pero debido ás circunstancias derivadas da Covid-19, o espectáculo desenvolverase respectando todas as medidas de seguridade. O grupo Integral dos Cuartetos para Frauta e trío de cordas está conformado por Luís Soto na frauta travesa, David García ao violín, Joana Ciobotaru á viola e Millán Abeledo ao violoncello.

A programación cultural continúa o sábado, 4 de xullo, co Festival de Jazz, que se desenvolverá no mesmo escenario.

A concelleira de Cultura, Natividade González, explica que “é importante que a programación cultural poida seguir desenvolvéndose durante os vindeiros meses, sempre tendo en conta as normas establecidas sobre aforo, distancia de seguridade e hixiene, porque é o sector cultural é un dos máis afectados pola situación económica privada pola crise sanitaria da Covid-19”.

A concelleira destaca, igualmente, que "desde o inicio da crise, como goberno, unha das primeiras iniciativas foi priorizar de inmediato a realización dos pagamentos pendentes a compañías e artistas, ao igual que comunicar a estes, asociacións culturais, comisións de festas e agrupacións, o mantemento da programación propia respecto aos contratos existentes, que tiñan previstas actuacións".

Novas alternativas para o futuro
Ademais, dende a Concellaría de Cultura traballase no plantexamento de novas alternativas para o futuro, se ben enténdese que, a curto prazo, é necesario que se manteñan os orzamentos de cultura, que se sigan facendo as contratacións con vistas ao verán, programacións con aforo reducido, en pequeno formato, pequenas actuacións, concertos verticais e, nos auditorios, con todas as medidas de seguridade e reducindo o aforo.

Natividade González sostén que se trata de "por unha banda, seguir programando e, pola outra, asumir a responsabilidade e ser consecuentes como representantes públicos da menor destrución de emprego do país, do noso concello e, no meu caso, mirar pola reactivación do sector cultural".

 

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Mozart á Galega no Pazo da Peregrina"

El Correo Gallego: "Festival de Jazz e Mozart a prol da cultura amesá"

Concerto Mozart á Galega

Multimedia

  • Concerto Mozart á Galega
  • Concerto Mozart á Galega