- Tematica
A Concellería de Cultura informa das actividades de artes escénicas que se van realizar, de xeito máis inmediato, durante este mes de decembro. Xa se poden adquirir as entradas a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. A programación arranca o vindeiro venres, 11 de decembro, co concerto do grupo Milladoiro. A próxima semana anunciarase a programación de actividades que se desenvolverán durante o Nadal de 2020.
O Concello de Ames retoma a actividade cultural con espectáculos musicais, teatro e danza durante este mes de decembro. Deste xeito, xa están dispoñibles na Billeteira electrónica as entradas das actividades que se van a desenvolver de xeito máis inmediato neste mes de decembro. Para acudir aos eventos de artes escénicas (danza, teatro, concertos...) é preciso adquirir os convites a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.
O grupo galego de folk Milladoiro inaugurará a programación de decembro. Esta emblemática banda estará o venres, 11 de decembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20.30 horas. Co motivo da celebración do 40 aniversario da banda, no evento repasaranse as súas cancións máis coñecidas e presentarase o seu último disco, “Altántico”. As entradas para asistir a este concerto son de balde. Haberá que adquirir os convites na Billeteira electrónica.
O concerto enmárcase dentro da xira “Desde Maeloc...”, que comezou en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. No evento farase un recordatorio das cancións que marcaron toda unha xeración dende o ano 1979, cando Milladoiro publicou o seu primeiro disco “A Galicia de Maeloc”. Ademais, os espectadores escoitarán o seu último traballo discográfico, “Altántico”, que saíu en 2018.
Teatro: Vida de Cans
A programación continúa coa representación da obra de teatro “Vida de Cans”, da compañía Talía Teatro. Será o venres, 18 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas. Trátase dunha traxicomedia, que está destinada a un público adulto.
A obra está escrita e dirixida por Cándido Pazó. Durante 75 minutos pretende, a través dunha comedia absurda, paródica e metafórica, facer unha alegoría á liberdade. Artur Trillo, Dani Trillo e Toño Casais dan vida a Nolo, Lupo e Nemo. Os protagonistas son tres cans que están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto. Fóra del está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade derivando cara unha traxicomedia.
Teatro infantil
O martes, 22 de decembro, a rapazada de Ames poderá acudir ao espectáculo “The Show Moscón”, na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 18.00 horas. Este espectáculo de teatro, que chega da man da compañía Galitoon, é un circo ambulante de “varietés”, presentado por un moscón. Un marabilloso circo ambulante representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que hai no seu interior.
A actividade de teatro-danza “EntreSoños”, chega da man de Fran Sieira - Compañía de danza. Desenvolverase o mércores, 23 de decembro, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Esta actividade, dirixida a un público adulto, é unha obra de baile e música tradicional galega presentada dende unha perspectiva actual. Este espectáculo conta cun elenco artístico de 3 bailadores/cantadores: Fran Sieira, Aida Tarrío e Xisco Feijóo, que actúan ao son da música do compositor e músico multidisciplinar Anxo Pintos.
O prezo dos espectáculo que están dirixidos para un público adulto é de 5 euros, mentres que as entradas para o público infantil teñen un custo de 4 euros. Non obstante, aplícase un desconto do 50% no custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos e a persoas menores de 12 anos, familias numerosas, mozos e mozas co carné xove e persoas demandantes de emprego.
Adaptación ás medidas hixiénico-sanitarias
Todas as actividades realizaranse tendo en conta as medidas hixiénico-sanitarias establecidas para frear a expansión da Covid-19. Deste xeito, cada evento terá limitación de aforo e asignarase unha butaca, ben individual ou por agrupamento familiar, de forma automática na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames retoma la agenda cultural con la actuación de Milladoiro y ultima el programa de Nadal"
El Correo Gallego: "EntreSoños de Fran Sieira pecha a súa xira no Milladoiro"