Pestanas principais

Ames Saudable ofrece un obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness”

Xoves, 29 de setembro de 2022

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde organiza un obradoiro de xestión emocional a través da técnica “Mindfulness”. Este taller, que xa se ofrecera a comezos de ano ao persoal do Concello, diríxese agora ao público xeral a partir dos 18 anos, cunha serie de oito sesións que comezarán o martes 11 de outubro. A actividade estará impartida polo psicólogo e instrutor da técnica, Juan Carlos Permuy, e realizarase os martes de 16:30 a 18:15 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. A proposta conta con quince prazas, e as persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores 5 de outubro, contactando ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal.

O programa Ames Saudable vai sumar unha nova actividade, neste caso co obxectivo de coidar e promover a saúde mental da veciñanza amesá. Deste xeito, dende o 11 de outubro vaise desenvolver un obradoiro de regulación emocional, seguindo o método “Mindfulness”. Con esta proposta, búscase ofrecer ferramentas para enfrontarse ás situacións do día a día e mellorar na redución de estrés e ansiedade, na concentración e na memoria.

Con anterioridade, no mes de xaneiro, o persoal municipal puido gozar dun taller similar, que agora se ofrece ao público adulto en xeral. A actividade vai ter lugar os martes de 16:30 a 18:15 horas, ao longo de oito sesións no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, conducidas polo psicólogo Juan Carlos Permuy. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o mércores 5 de outubro, enviando unha mensaxe ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. Hai 15 prazas dispoñibles, para as que terán preferencia as persoas empadroadas en Ames.

Que é o “Mindfulness”

O “Mindfulness” é unha técnica que ensina a focalizar a atención no momento presente. O obxectivo é conseguir a atención plena, centrándose no que está a suceder “aquí e agora” e aceptándoo sen máis, sen tentar cambiar, nin xulgar nada. “Mindfulness” é un camiño cara á plena consciencia que ensina a quen a practica a concentrarse no que sucede dentro e fóra dun mesmo e que axuda a aprender a renunciar ao ruído e ás distraccións.

A regulación emocional defínese como o conxunto de procesos a través dos cales influímos nas nosas emocións e determinamos cando as temos e como as experimentamos e expresamos. O adestramento en “Mindfulness” mostrou ser unha ferramenta moi eficaz na mellora das habilidades de regulación emocional. Esta capacidade de regular os estados emocionais é considerada como un aspecto esencial da educación integral das persoas, dado que posibilita o benestar persoal, a socialización e os logros laborais e académicos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Novo obradoiro de Mindfulness para poder enfrontar o presente e o estrés"

Ames Saudable ofrece un obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness”

Multimedia

  • Ames Saudable ofrece un obradoiro de regulación emocional e “Mindfulness”