- Tematica
O departamento de Benestar Social do Concello de Ames, a través da Concellería de Sanidade e do programa Ames Saudable, organiza para o próximo mes de xullo as xornadas “Desconfinamento Saudable”. Trátase dun conxunto de actividades ao aire libre que se impartirán en grupos reducidos de máximo 15 persoas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, luns 22 de xuño, ata o próximo luns 29 de xuño, enviando un correo a promociondasaude@concellodeames.gal ou chamando ao número 649 45 02 64.
Ames Saudable organiza o programa “Desconfinamento Saudable” para o próximo mes de xullo. Consiste nun programa de actividades saudables que se poden realizar tanto de xeito individual (no caso das actividades de ioga e relaxación e baile en liña) ou en familia (actividade Ben-Estar: corpo e movemento creativo).
As actividades, destinadas a todos os públicos, están pensadas para traballar a saúde física e emocional tras este período de confinamento. Con elas poderás beneficiarte dos seus efectos revitalizantes, calmantes e liberadores, e poderás mellorar a túa axilidade, equilibrio, potenciar a atención e concentración, reforzar a autoestima, axudar a manter en bo estado as túas articulacións, e reducir a ansiedade e o estrés.
Programa de actividades “Desconfinamento Saudable”
O programa de actividades será impartido durante todo o mes de xullo tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, en diferentes días da semana. Para asistir a elas é obrigatorio levar unha esteira.
No Milladoiro, o escenario elixido para levar a cabo o programa é o entorno da piscina municipal. Así, os luns e os mércores desenvolverase ioga e relación en horario de 10.00 a 11.00 horas, os martes e os xoves, está programada a actividade en familia Ben-Estar de 18.00 a 19.00 horas, e xa por último os venres, haberá baile en liña de 10.00 a 11.00 horas.
Na actividade Ben-Estar poderán participar as familias que o desexen, incluso menores de 4 anos en adiante.
Mentres que en Bertamiráns, as actividades levaranse a cabo nos xardíns do Pazo da Peregrina. Os luns e os mércores desenvolverase a actividade en familia Ben-Estar en horario de 18.00 a 19.00 horas, os martes e os xoves haberá ioga e relaxación de 10.00 a 11.00 horas, e os venres, baile en liña, en horario de 11.30 a 12.30 horas.
Para inscribirse ás actividades é necesario enviar un correo a promociondasaude@concellodeames.gal ou chamar ao número 649 45 02 64. O prazo está aberto dende hoxe, luns 22 de xuño, ata o próximo luns 29 de xuño.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "Desconfinamento saudable en Ames"
Revista Ames Go: "Actividades de desconfinamento saudable en Ames"