- Tematica
As actividades do Ames Saudable, organizadas ao longo do ano pola Concellaría de Promoción de Saúde, adáptanse ao período estival co programa “Activa Ames Verán”, que permitirá gozar á veciñanza amesá de sesións guiadas de ioga terapéutico, taichi tradicional, chikung e marcha nórdica do 4 de xullo ao 31 de agosto. Cada proposta realizarase por un período de 15 días, os luns e mércores no Milladoiro, no entorno da piscina municipal, e os martes e xoves en Bertamiráns, nos xardíns do Pazo da Peregrina, sempre a partir das 10:00 horas. As actividades serán gratuítas e non cómpre inscrición previa.
A Concellaría de Promoción de Saúde continúa no verán coas súas propostas para o coidado de saúde física e emocional, ofrecendo en xullo e agosto sesións de balde de ioga terapéutico, taichi tradicional, chikung e marcha nórdica no Milladoiro e en Bertamiráns, baixo o programa “Activa Ames Verán”. Con esta serie de propostas, que se realizarán polas mañás e de xeito bisemanal nas dúas principais vilas amesás, refórmanse as actividades habituais do Ames Saudable para encaixalas no meses estivais, como o programa SaúdeAndo, que fai un parón entre xuño e setembro.
Deste xeito, do 4 de xullo ao 31 de agosto realizaranse por quincenas as actividades xa enumeradas, de 10:00 a 11:00 horas. As sesións de ioga terapéutico abrirán e pecharán o programa, do 4 ao 14 de xullo e do 16 ao 31 de agosto; as de taichi tradicional e chikung serán do 18 ao 28 de xullo, mentres que as de marcha nórdica desenvolveranse do 1 ao 11 de agosto. No caso da marcha nórdica, a actividade durará media hora máis, e rematará ás 11:30 horas.
No Milladoiro, o programa “Activa Ames Verán” terá lugar os luns e os mércores, no entorno da piscina municipal, mentres que en Bertamiráns as sesións serán os martes e os xoves, nos xardíns do Pazo da Peregrina. As propostas son gratuítas, sen inscrición previa, e o único material propio necesario é unha esteira para o ioga, o taichi e o chikung. No caso da marcha nórdica, prestaranse bastóns se fose necesario. Para solicitalos, cómpre enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Sesións guiadas de ioga, taichi, chikung e marcha"