- Tematica
O concello de Ames continúa medrando e supera xa os 32.000 habitantes a mediados de 2019. Tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal, a día de hoxe o municipio conta con 32.190 habitantes. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE) que se atopan publicados, a data de 1 de Xaneiro de 2018 Ames contaba con 31.278 habitantes, o que supón un incremento de case 1.000 novos habitantes con respecto a última cifra oficial.
Ames segue sendo un dos concellos que máis medra da comunidade galega, contando ademais cunha alta porcentaxe de poboación nova. Dende o ano 2000, o concello de Ames duplicou a súa poboación, pasando de 16.549 habitantes aos 32.190 cos que conta a día de hoxe. En canto a sexos, en Ames segue a haber unha certa paridade. En total, hai censados 15.450 homes, mentres que o número de mulleres ascende a 16.740. Asemade, durante o pasado exercicio houbo 296 nacementos e 154 defuncións.
Os datos do INE de finais de 2018 xa marcaban esta tendencia de crecemento cunha cifra que rozaba os 32.000 veciños e veciñas (31.858) e que agora, seis meses despois, vese superada en 332 habitantes máis no que vai de ano 2019.
Coas cifras actuais Ames pasa a ser o Concello número 13 de Galicia superando ao Concello de Carballo e moi cerca do de Arteixo que tamén supera os 32.000 habitantes. A progresión do Concello de Ames está a ser superior ao do resto de Concellos e así nos últimos 3 anos está a escalar postos no r´anking xeral de habitantes dos concellos galegos, superando a Redondela, Culleredo e agora Carballo, nas últimas anualidades.
A aposta polo sector industrial centralizado no Parque empresarial de Milladoiro, xunto cos servizos de conciliación que presta o Concello e que son referentes a nivel Nacional, son algunhas das razóns polas que o Concello está a medrar nestes últimos anos.
Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.
En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres)
Os últimos datos oficiais do INE correspondentes ao 1 de xaneiro de 2018, que foron publicados o 2 de xaneiro de 2019, indican que a comezos do exercicio 2018 en Ames había censadas 31.278 persoas, polo que o incremento nese período de tres anos (2015-2018) foi un pouco máis moderado con 1.011 novos habitantes amesáns.
Ligazóns:
La Voz de Galicia: "Ames supera los 32.000 vecinos y duplica su censo del año 2000"
Compostela 24 horas: "Ames supera os 32.000 habitantes"