Pestanas principais

Ames solicita a colaboración veciñal ante o aumento de roubos de cable de cobre, que nos últimos meses alcanzaron un valor de 13.723 euros

Sábado, 26 de xaneiro de 2013

[26-01-2013] O Concello de Ames expresa a súa preocupación ante o aumento do número de roubos de cable do alumeado público nas zonas rurais do municipio. Nos últimos meses, contabilizouse o furto de máis de 2.520 metros de cable de cobre, cun valor estimado de 13.723 euros, segundo as denuncias presentadas ante a Garda Civil. Ante esta situación, o Concello e a Policía Local fan un chamamento aos veciños do municipio para que alerten ás forzas e corpos de seguridade de calquera situación que lles poida parecer relevante. O obxectivo é evitar, na medida do posible, que se produzan novos roubos. Na maioría das ocasións, estes sucesos xeran o corte da subministración eléctrica.

Só na última semana, contabilizáronse catro furtos en outras tantas zonas do rural amiense: Ponte Maceira, Agrón, Piñor e na rotonda da urbanización da As Mimosas. A principios de mes, subtraéronse 250 metros de cable de cobre de alumeado público no lugar de Quintáns, pertencente á parroquia da Ameixenda. En decembro, un destes furtos provocou o corte da iluminación pública no lugar de Trasmonte, xa que se levaron 400 metros de cable na estrada que discorre desde Trasmonte a Suevos. Na mesma semana, rexistrouse falta de alumeado na zona de Costoia, debido ao roubo de 150 metros de cable de tendido eléctrico aéreo.

Tamén en decembro, o Concello presentou denuncia ante a Garda Civil polo roubo de cable de cobre da iluminación pública nas zonas de Trasmil e de Freixeiro. En total, desapareceron preto de 700 metros de cable. Só nos casos rexistrados en decembro, estímase que o valor do cable superaba os 6.260 euros.

En meses anteriores, tras o verán, o importe dos danos causados superou os 7.462 euros. Ao longo deses meses, rexistráronse furtos no tramo de Outeiro a Guimaráns e nas parroquias de Tapia, Ames e San Mamede de Piñeiro que supuxeron a desaparición de 770 metros de cable.

O Concello de Ames destaca o traballo que está a desenvolver a Policía Local para atallar estes roubos e considera importante a colaboración dos veciños para poder loitar contra estes sucesos, que ocasionan un grave prexuízo aos veciños e veciñas das zonas afectadas.

Por todo isto, tanto o Concello como a Policía Local solicitan a colaboración cidadá para tentar atallar estes casos. Os axentes solicitan aos veciños e veciñas que dean aviso cando vexan pola zona vehículos sospeitosos e que tenten reter a matrícula, co obxectivo de poder localizalos. A Policía fai fincapé no complexo que é resolver estes casos, ante a falta de testemuñas ou probas que poidan conducir á detención dos autores.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Solicitan que los amienses ayuden a evitar robos de cobre"
La Voz de Galicia: "Ames ha sufrido el robo de cable por valor de 13.700 euros en los últimos meses"