Pestanas principais

Ames súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun acto literario no que se entregaron os premios dos certames Literario e Intercentros

Venres, 17 de maio de 2013

[17-05-2013] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde a conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Roberto Vidal Bolaño. O evento, que foi un éxito de público, comezou coa actuación dos alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Ames e continuou coa entrega dos premios do V Certame Intercentros e do X Certame Literario.

Despois de rematar coa entrega de todos os galardóns, o alcalde de Ames, Santiago Amor, pechou o acto. Na súa intervención, o rexedor amiense lembrou ao homenaxeado no Día das Letras 2013, Roberto Vidal Bolaño, a quen definiu como “unha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego”, e destacou “o compromiso do Concello de Ames coa cultura”, subliñando que “o Concello conta cunha ampla e variada programación cultural, con máis de 40 actividades programadas nesta Primavera, na que destaca o teatro, o campo no que Vidal Bolaño foi mestre indiscutible”.

O rexedor amiense gabou, así mesmo, a “calidade, valor artístico e literario dos traballos presentados aos dous certames” e dirixiuse aos premiados e participantes, destacando que “vós facedes que cada ano mellore a calidade dos nosos certames”.

O acto de conmemoración do Día das Letras Galegas organizado polo Concello de Ames rematou coa interpretación do Himno Galego.

Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar. Tamén participaron nesta celebración outros membros da Corporación municipal, como os concelleiros e concelleiras Susana Mayo, Francisco Doval, Isabel González e Alfonso Rey. O evento contou coa participación do presidente de Feiraco, José Montes.

A celebración comezou coa actuación de varios membros da Escola Municipal de Música de Ames. Nesta ocasión, a alumna Marta Costoya interpretou o tema Lela, acompañada de Oscar Suárez coa guitarra. Tras a actuación musical, a xornalista Nazaret López deu inicio á entrega premios da quinta edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, dirixido aos alumnos e alumnas do segundo e terceiro ciclo de educación primaria do Concello de Ames. Os galardóns foron entregados polo alcalde de Ames e a concelleira de Cultura.

Despois da entrega dos premios do Intercentros foi a quenda dos galardoados no certame Literario do Concello de Ames, que este ano cumpriu a súa décima edición e que xa se ten convertido nun referente en toda Galicia. En nome do xurado que determinou os galardóns (composto tamén pola escritora amesá Mariña Pérez Rei e polo escritor e crítico literario Armando Requeixo Cuba), interveu o investigador da Universidade de Santiago de Compostela Xosé Antonio López Silva. Neste caso, os premios foron entregados polo alcalde de Ames, a concelleira de Cultura, o representante do xurado e por José Montes Pérez, presidente de Feiraco, empresa colaboradora do certame.

Este ano presentáronse ao Certame Literario un total de 154 traballos. Na modalidade de narrativa presentáronse 94 textos repartidos entre as tres categorías existentes (29 na primeira; 23 na segunda; e 42 na terceira categoría). Por outra banda, na modalidade de poesía houbo 60 textos orixinais presentados (15 na primeira; 8 na segunda; e 37 na terceira categoría). A ampla participación nesta convocatoria é unha mostra da acollida que ten este certame entre os novos creadores e creadoras, un certame que, nos seus dez anos de existencia foise consolidando como referente no ámbito cultural galego.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Novos valores para Terras co Día das Letras Galegas"
El Correo Gallego: "Ames súmase á celebración do Día das Letras Galegas cun acto literario"
El Correo Gallego: "Terras premia aos seus novos literatos"