- Tematica
Este sábado, 14 de novembro, celébrase o Día Mundial da Diabetes. O Concello de Ames súmase á proposta de ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente con Diabetes de Galicia, para dar visibilidade a data. Durante todo ese día, a Casa consistorial estará iluminada de cor azul, colocarase unha pancarta conmemorativa no balcón lateral do edificio e as pantallas instaladas nas distintas sedes municipais emitirán un vídeo sobre a doenza. Este vídeo informativo elaborado por ANEDIA tamén se pode ver na canle de YouTube do Concello de Ames. Ademais, o xoves 26 de de novembro, Raquel Queizás impartirá o espectáculo de contos “Nano ten diabetes” no CEP de Ventín.
Como adoita suceder con todas as celebracións de interese social, o Concello de Ames celebrará o día Mundial da Diabetes coa intención de dar visibilidade a esta doenza, concienciar á cidadanía sobre a necesidade de adoptar hábitos saudables e poñer o foco de atención na necesidade de seguir investigando para mellorar a vida das persoas que a padecen.
As actividades conmemorativas acordáronse nunha xuntanza celebrada no Concello de Ames a finais do mes de outubro na que participaron a concelleira de Sanidade e Benestar Social, Luísa Feijóo, representantes de ANEDIA, a Asociación de Nenas, Nenos e Xente con Diabetes de Galicia, e a técnica de Promoción da saúde, Rosana Martínez.
Ademais de tinxir con luz azul a fachada da Casa Consistorial, pendurar do balcón unha pancarta e difundir un vídeo que insiste na importancia de coñecer a tempo a enfermidade nas pantallas instaladas nas Oficinas municipais da rúa Alcalde Lorenzo e nas Casas de Cultura de Bertamiráns e Milladoiro, os veciños e veciñas de Ames poderán participar da conmemoración sumándose á proposta "Quilómetros pola diabetes – Volta a España", un reto virtual que intenta dar visibilidade á doenza e fomentar a actividade física e saudable como xeito de previla. Este vídeo informativo elaborado por ANEDIA tamén se pode ver na canle de YouTube do Concello de Ames.
Para Luísa Feijóo é importante que o concello se sume a esta celebración. "Os concellos somos as administracións que máis cerca estamos do cidadán e o noso papel neste tipo de cuestións é fundamental á hora de de axudar a visibilizar, informar e sensibilizar sobe este tipo de doenzas e a difundir estilos de vida que favorezan á saúde dun xeito directo e próximo". "Estamos máis preto dos cidadáns -engade a concelleira- e podemos ofrecer consellos dunha forma máis directa e tamén intervir a través de programas e accións que promovan hábitos de vida saudables. É o que decotío facemos a través de distintos programas nos que ofrecemos consellos nutricionais e animamos á veciñanza á práctica de actividade física, coidando da nosa saúde tanto física como emocional".
Rocío Cejudo, vogal de ANEDIA en Santiago, que participou na xuntanza celebrada en outubro coa concelleira, tamén considera fundamental o apoio dos Concellos á hora de dar visibilidade a este problema, do mesmo xeito que considera vital asociarse para conseguir avances e logros que axuden a paliar as eivas da enfermidade: “o coñecemento mutuo das familias supón apoio e forza para loitar coas necesidades e problemas que teñen os seus fillos e fillas. Non é o mesmo, á hora de chegar as institucións, que loite unha persoas soa a que loite un colectivo; sempre se nos escoita máis e se nos abren máis portas cando imos en grupo”.
Participación veciñal na conmemoración
Desde o departamento de Sanidade, a concelleira Luísa Feijóo convida aos veciños e ás veciñas de Ames a sumarse ao reto Este reto virtual “Quilómetros pola diabetes – Volta a España”, unha acción que pretende dar visibilidade á diabetes e fomentar a actividade física e saudable empregando ferramentas como smartphones, apps e pulseiras de actividade. É apto para todas as idades e consiste en sumar quilómetros en varias modalidades: camiñando, correndo, montando en bicicleta ou nadando. En Galicia, as inscricións pódense facer a través de ANEDIA na páxina www.carreirasgalegas.com. O importe dos dorsais solidarios serán para financiar proxectos de ANEDIA y Diabetes Cero.
Ademais, o xoves 26 de de novembro, Raquel Queizás impartirá o espectáculo de contos “Nano ten diabetes” no CEP de Ventín, para achegarlle ao alumnado información sobre a diabetes de forma lúdica e entretida.