Pestanas principais

Ames súmase á conmemoración do Día Mundial de loita contra o cancro de mama con diversas actividades

Martes, 18 de outubro de 2022

A fachada da Casa do Concello iluminarase de rosa mañá xoves, 19 de outubro, para conmemorar o Día internacional contra o cancro de mama e concienciar sobre a importancia da investigación sobre a enfermidade e a súa detección precoz. A Asociación Española Contra o Cancro de Ames, a través da Concellería de Benestar Social e Promoción da Saúde, colocará dúas mesas informativas, unha durante o día de hoxe na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro; e a segunda na entrada do centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns, durante a xornada de mañá, co obxectivo de visibilizar a doenza.

 

Este xoves, 19 de outubro, celébrase o Día Mundial de loita contra o cancro de mama. O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social e Promoción da Saúde, súmase á conmemoración colaborando coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), que colocará durante as xornadas de hoxe e mañá dúas mesas informativas para concienciar á cidadanía amensá sobre a enfermidade e incidir na importancia da detección precoz. A primeira das mesas estará durante o día de hoxe, 18 de outubro, na praza de Manuel Murguía (xunto á farmacia que hai neste lugar), no Milladoiro. Mañá será instalada na entrada do centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns.

Ademais, a fachada da Casa do Concello será tinguida de rosa, para amosar o apoio a todas as mulleres que sofren esta doenza e recordar que se trata dunha enfermidade cuxa posibilidade de curación é de case o 100% se se detecta nas súas etapas iniciais, polo que resulta de vital importancia acudir con regularidade ás revisións xinecolóxicas e participar nos programas de detección precoz que inclúan mamografías, así como levar hábitos de vida saudables e pedir atención médica no caso de notar algunha anomalía nas mamas. Aínda que en menor medida esta enfermidade tamén afecta aos homes, polo que tamén é importante que fagan revisións periódicas.

Nese sentido, a concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Luisa Feijóo, aproveita para subliñar que “a autoexploración e as revisións médicas son fundamentais para detectar precozmente o cancro de mama e poder superalo” así como que “é necesario visibilizar a realidade da doenza, que é padecida por moitas mulleres, e en menor medidas polos homes, e apoiar a labor de colectivos como a Asociación Española contra o Cancro, que traballan a diario por sensibilizar e concienciar sobre a necesidade.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mesas informativas y luz contra el cáncer de mama"

Cartaz do programa Autoexplórate