- Tematica
O Concello de Ames súmase á campaña “Protexer aos mais novos da manipulación da industria tabaqueira e previr o seu consumo de tabaco e nicotina” para a conmemoración do Día Mundial sen Tabaco, que se celebra hoxe, 31 de maio. O obxectivo da campaña é previr o tabaquismo en nenos, nenas e adolescentes, xa que segundo a última enquisa sobre uso de drogas en ensinos secundarios en España, a porcentaxe de adolescentes de 14 a 18 anos que fuma tabaco a diario alcanza xa o 9,8%.
Hoxe, 31 de maio, celebrase o Día Mundial sen Tabaco, e o Concello de Ames quere sumarse a previr o tabaquismo en nenos/as e adolescentes, xa que se están alcanzado cifras moi preocupantes de consumo entre adolescentes. Por iso, hoxe publícanse cos que se nos explica porque é tan importante deixar o tabaco. Os protagonistas son Javier Loira, médico de familia do Centro de Saúde do Milladoiro, e Belén Montesa Lou, psicóloga encargada de levar a cabo nos centros escolares públicos de Ames o programa de prevención municipal de conductas adictivas no ámbito escolar. Podes velos ao pé desta nova.
Algúns factores que explican esta temperá adicción son as influencias sociais, familia e amigos fumadores, actitudes favorables ante o consumo ou a asociación de tabaco e alcol co pracer.
Uns datos preocupantes, tendo en conta que segundo o Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo ( CNPT), o tabaco provoca preto de 50.000 mortes anuais en España por doenzas como a bronquite crónica, o enfisema pulmonar e o cancro de pulmón e farinxe. Por se isto fose pouco, tamén é o factor de risco cardiovascular máis importante, xa que a incidencia da patoloxía coronaria nas persoas fumadores é tres veces maior que no resto da poboación. As posibilidade de padecer unha enfermidade de corazón é proporcional á cantidade de cigarros fumados ao día e ao número de anos nos que se mantén este hábito nocivo.
Por iso, neste Día Mundial sen Tabaco, a OMS lanza unha campaña de loita contra a mercadotecnia sistemática, agresiva e sostida que a industria tabaqueira e outras industrias relacionadas utilizan para que unha nova xeración se enganche ao consumo dos seus produtos.
A campaña mundial servirá para desacreditar mitos e revelar as tácticas retortas empregadas por esas industrias. Proporcionará aos mozos e mozas os coñecementos necesarios para detectar facilmente a manipulación desas industrias e equiparalles con instrumentos para rexeitar as súas tácticas, todo iso con miras a que adquiran capacidade de acción e decisión para plantarlles cara.
Decídete a deixar de fumar
Se estás a pensar deixar o tabaco, calquera momento é bo para empezar, non o pospoñas con calquera escusa, a túa saúde vaicho a agradecer. Quitando os primeiros momentos nos que o pasarás un pouco mal pola síndrome de abstinencia, rapidamente o corpo empezará a recuperar capacidades perdidas. Ao pé desta nova deixámosche unha serie de instrucións e consellos que che poden axudar no proceso de deixar de fumar.
En España morren anualmente 6.200 fumadores pasivos ao ano, dos cales, 5.000 falecen por aspirar o fume no seu propio fogar e o resto por facelo na súa contorna laboral. Segundo datos do Comité Nacional para a Prevención do Tabaquismo ( CNPT), o risco de padecer cancro de pulmón é dun 20 a un 50 por cento máis elevado en quen convive con persoas fumadoras. Ademais, a exposición ao aire contaminado polo fume do tabaco supón un aumento do 30 por cento de risco de padecer enfermidades cardiovasculares. Se vives con alguén que consome un paquete diario é coma se ti fumases tamén nove cigarros.